Publicacións

 
memoria-tenda.jpg

Memoria da Terra

Datos da edición

  • Ano:  2015
  • Lugar:  A Coruña
  • Editorial:  Fundación Manuel María de Estudos Galegos
  • ISBN:  978-84-94417-1-4
  • Páxinas:  198
  • Prezo:  12 €

Reseña

Escolma de cincuenta e nove artigos de pequeno formato publicados por Manuel María en xornais e revistas galegas desde o ano 1978, artigos en que combina o xornalístico coa crónica, a recollida de tradición oral, a narración histórica, a descrición xeográfica e paisaxística...unha Galiza de seu, coa súa terra, as súas xentes e o seu idioma, todo narrado dun xeito ameno e de fácil lectura. Pequenas pezas literarias cheas de humor e poesía que sorprenden pola súa actualidade.

Ilustración da capa: Julián Díaz

Escolma

Outra vez, outra vez o terror!

As palabras que dan título a este artiguiño son, nada menos, que un verso de Luís Pimentel que, nos seus poemas de Cunetas, reflectiu maxistralmente o horror dos fusilamentos perpetrados pola rebelión franquista. Dende que o salvaxe capital imperialista norteamericano comezou, por boca do seu sinistro portavoz o presidente George W. Bush, coa agresion inxustificada, primeiramente verbal e diplomática e logo utilizando as armas bélicas máis potentes que existen, contra o pobo iraquí -Sadam é punto e aparte e só o pretexto-, o verso pimenteliano está petando insistentemente na nosa conciencia. Non hai dereito! Toda guerra é inxusta e inconcebíbel. Ningunha morte ten xustificación. Guerra e morte, morte e guerra son un todo arrepiante e inseparábel. Dános mágoa, medo, vergoña allea ter que asistir impotentes ao espectáculo macabro da destrución absurda de vidas humanas e dun patrimonio cultural milenario que obscenamente falan de reconstruír. Poderán tamén reconstruír a vida dos inocentes que mataron vilmente? Volvemos angustiados ao poema de Luís Pimentel que expresa maxistralmente o noso sentimento:

Nestas frías paredes                                                                                                                                eu busco un cravo                                                                                                                                   pra colgar a miña soedade                                                                                                                   Outra vez, outra vez o terror!

Pimentel remata a súa conmovedora composición con un verso patético, laiando a perda do que, para el é o máis esencial:

¡Dios mío, non volverei a ser poeta!

Despois dunha guerra en que absolutamente todos, mesmo os que se consideran vencedores -de que?, nos preguntamos- xa non somos, non podemos ser os mesmos. A guerra destrúe sempre, aniquila, aínda que os ianquis se apropien, contra todo dereito e razón, de xeito ignominioso, de xacementos petrolíferos que non lles pertencen.

Outro poema de Luís Pimentel, titulado Forasteiro, ten este comezo:

Canto terror                                                                                                                                    levamos os homes!

Será o propio terror a causa que move aos que teñen poder para declarar guerras e perpetrar outras desgrazas? Coidarán que ordenando matar inocentes poden matar o terror do que eles son portadores? Eses mandamais, están capacitados para gobernar e dirixir os pobos? Con que dereito dispoñen da vida dos seus semellantes? Como non son eles os que van loitar á primeira liña de fogo? O máis urxente e necesario de todo é crear unha cultura en que non haxa guerras nin poida habelas. Cómpre vencer e extirpar as guerras como se fixo con algunhas enfermidades hoxe felizmente desaparecidas.

                                                                                                                        [El Correo Gallego, "Homes, feitos e palabras, 06/04/2003]