Noticias

Voltan ao Teatro Rosalía da Coruña as LÚAS DE OUTONO

tarxeta luas de outono_virtual.jpg

14/09/2015

 Será o mércores 16 de setembro ás 20.30 horas, con entrada libre até completar aforo

Pepe Vaamonde Grupo estreará na Coruña o seu último traballo, Nas pedras do lar, e dúas pezas musicais inéditas con letra de Manuel María 

Completa o acto a palabra poética de Marta Dacosta, Xulio L. Valcarcel e Miguel A. Fernán-Vello 

 O espectáculo LÚAS DE OUTONO, a velada artística que cada ano a Fundación Manuel María de Estudos Galegos celebra na Coruña en homenaxe ao Poeta Nacional en datas próximas ao seu cabodano, chega este vindeiro mércores 16 de setembro á súa sétima edición, consolidada xa como unha data imprescindíbel na axenda cultural da cidade que Manuel María escolleu para vivir na súa última etapa vital.

LÚAS DE OUTONO volta, ademais, retornando ao Teatro Rosalía de Castro, o seu escenario habitual até hai tres anos: un espazo que ao Manuel María lle era tan grato e no que xa en 1995 el recibira unha das primeiras grandes homenaxes populares que en vida se lle tributaron. 

O espectáculo, que dará comezo ás 20.30 horas e terá entrada libre até completar o aforo, conta desta vez coa estrea do último traballo musical de Pepe Vaamonde Grupo, Nas pedras do lar, no que, de feito, será o primeiro concerto na Coruña da súa nova xira. Este conxunto, situado na vangarda da música tradicional galega máis actual, incorpora ademais para a ocasión dúas pezas inéditas con letra de Manuel María. 

Complementará o acto a palabra poética de Marta Dacosta, Xulio L. Valcárcel e Miguel A. Fernán-Vello, voces fundamentais da poesía galega actual.