Noticias

As compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante gañan o Certame Manuel María de Proxectos Teatrais que, nesta 2ª edición, recibiu o apoio de 30 concellos e deputacións

4.-foto-do-xurado-+-compania-ganadora.jpg

20/11/2020

A obra gañadora foi A lúa vai encuberta que contará con un mínimo de 30 representacións nas vilas e cidades galegas, ademais de 4000 euros á produción

O  Certame Manuel María de Proxectos Teatrais está destinado ás compañías profesionais galegas e foi convocado pola Casa-Museo Manuel María en colaboración cos concellos de A Coruña, Ames, Arteixo, As Pontes, Barbadás, Betanzos, Brión, Cambados, Carballo, Carral, Cedeira, Culleredo, Lugo, Malpica, Melide, Monforte, Neda, Oleiros, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Ribeira, Santiago, Verín, Vilalba e as Deputacións da Coruña e de Lugo. A convocatoria fíxose pública hai seis meses. Este foi o tempo do que dispuxeron as compañías para presentaren os seus proxectos.
O Xurado estivo integrado polas seguintes persoas:
PRESIDENTE: D. Manuel Lourenzo Pérez: actor, dramaturgo, director teatral, tradutor, profesor de interpretación. Premio Nacional de Literatura Dramática (1997).
VOCAL: Dna. Cristina Domínguez Dapena, directora de escena e vicedirectora da Escola de Arte Dramática (ESAD) de Galicia.
VOCAL: Dna. María Armesto, dramaturga, directora de escena, profesora de canto e técnica vocal. Directora artística da Mostra Internacional de Teatro Cómico de Cangas (MITCFC) desde 2014.
SECRETARIO: D. Alberte Ansede Estraviz, Secretario da Fundación Manuel María, que actúa con voz mais sen voto.
Este Certame, do que no presente ano se celebra a 2ª edición,  premia a mellor proposta escénica dunha obra de Manuel María, co compromiso por parte da compañía gañadora de levalo á escena no prazo de 10 meses. Por tanto, o proxecto que agora se premia, estrearase en setembro de 2021 e estará nos escenarios durante todo o ano 2022, cando menos. Iso supón que o Certame ten carácter bienal, de xeito que nunha anualidade se presentan os proxectos e na seguinte lévase á escena a proposta gañadora.
En canto ao premio outorgado adóptase unha fórmula moi orixinal en canto que supón para a compañía gañadora contar con un mínimo de 30 representacións levadas a cabo en cada un dos concellos que colaboran neste certame. Deste xeito, o desexo fundamental dunha compañía, chegar ao seu público, queda garantido. Aínda así, ademais deste importante número de funcións, a compañía contará con unha axuda de 4.000 euros para a produción da obra, que achega a propia Fundación Manuel María.
Nesta 2ª edición, o Xurado estimou por unanimidade que o mellor proxecto é o presentado por dúas compañías que se uniron para levalo a cabo:  A Quinta do Cuadrante (composta por Melania Cruz e Tito Asorey) e Incendiaria (composta por Vanesa Sotelo e Davide González), ademais de contar para a escenografía con Carlos Alonso e para a iluminación con Laura Iturralde (Enviamos dossier do elenco en arquivo anexo). O proxecto está realizado sobre o texto de Manuel María A lúa vai encuberta, obra que se refire a algúns dos acontecementos da historia de Galiza que quizais axudan a entender mellor o noso presente.
O Xurado destacou a calidade dos proxectos presentados e resaltou entre os valores da obra  gañadora o “constituír un proxecto importante e ambicioso, tanto no plano creativo como de realización e produción, que se propón mostrar algunhas claves para a comprensión da situación da sociedade galega actual. Para isto bota man da análise dos principais acontecementos que se sucederon no noso país ao longo do século XX, até os primeiros anos do postfranquismo, supoñendo así, unha forma intelixente de confrontar a sociedade galega co seu pasado recente e coas súas propias contradicións. Neste sentido, estamos diante dun teatro que fala da nosa realidade usando elementos documentais e posibilitando a irrupción do real na escena”. Ademais disto, o Xurado tamén quixo deixar constancia “dunha hábil incorporación de diferentes xéneros, mesturando as formas de teatro máis popular, como o cabaret e o musical, con formas máis contemporáneas como o audiovisual e, sobre todo, o teatro documento”, así como da calidade e longa traxectoria do elenco artístico.
A obra gañadora na primeira edición do Certame, O meu mundo non é deste reino, acaba de ter o recoñecemento dos Premios María Casares á mellor dirección e á mellor adaptación dun texto teatral na persoa de María Peinado.

 

Galería de vídeos