Noticias

A Fundación Manuel María de Estudos Galegos súmase á petición diante da RAG para que a celebración das Letras Galegas ao redor da figura de Carvalho Calero se prolongue ao ano 2021

carvalho-por-seoane.jpg

17/04/2020

No interior, o comunicado publicado no día de hoxe

A Fundación Manuel María de Estudos Galegos quere sumarse á petición que xa outras entidades teñen realizado diante da Real Academia Galega para que a celebración das Letras Galegas ao redor da figura de Carvalho Calero se prolongue ao ano 2021.
Consideramos que tal medida, sen ocasionar prexuízos a ninguén, resultará beneficiosa para a extensión da cultura galega, o afianzamento do conxunto do seu tecido cultural e suporá un tratamento xusto para a figura de Carvalho Calero. Tan só con esta medida se pode lograr que as diferentes entidades culturais poidamos despregar as actividades programadas que non puidemos realizar; que as editoriais poidan levar ás librarías e facer difusión normal das publicacións xa realizadas ou programadas; que as compañías de teatro representen as súas obras; que os medios de comunicación lle dediquen os espazos e a atención habitual ao coñecemento e homenaxe da figura que centra esta celebración; e que as propias institucións realicen todos os actos previstos en condicións de normalidade. En definitiva, só mediante o prolongamento ao ano 2021 da celebración das Letras Galegas arredor da figura de Carvalho Calero se evitará que tal efeméride quede restrinxida a un acto puntual e meramente protocolario. 
Por tanto, solicitamos da Real Academia Galega que teña a ben tomar en consideración esta demanda que, ao noso entender, representa o sentir amplamente maioritario do pobo galego. 
A Coruña, a 17 de abril de 2020
Padroado da Fundación Manuel María de Estudos Galegos