Actividades

O pouso da violencia contra as mulleres no cancioneiro tradicional e popular galego

O pouso da violencia contra as mulleres no cancioneiro tradicional e popular galego

Palestra-concerto didáctico con Troupelear (Branca Villares e Pablo Pintor)

Este sábado, ás 19 horas, no auditorio da Casa-Museo Manuel María comezaremos coa nova programación cultural da man de Troupelear (Branca Villares e Pablo Pintor), que levarán a cabo unha palestra-concerto didáctico, so o título "O pouso da violencia contra as mulleres no cancioneiro tradicional e popular galego", 

Esta actividade é froito dun traballo de investigación e discusión do cancioneiro popular galego que Branca Villares desenvolveu co seu alumnado de canto nas súas aulas nos últimos tres anos. O traballo centrouse en detectar aspectos que poden supor apoloxía a violencia contra as mulleres e que, dalgún xeito, contribúen a perpetuala e normalizala, non censurando senón contextualizando e reformulando o seu uso. Parte do repertorio co que traballa Branca, sobre todo recollas da montaña luguesa, compiladas por ela e por outras persoas, ou as realizadas por Mini e Mero como as de Florencio, o cego dos Vilares.

Branca Villares é música e mestra de música tradicional en diferentes lugares da provincia de Lugo (Tradescola, Escolas Municipais de Rábade, Begonte, Outeiro, Escola OXeitO, e outras entidades culturais). Capitanea un proceso colectivo de reflexión, que xa vai polo seu cuarto ano de vida, en que promove a discusión entre as súas alumnas e alumnos. Parte da súa investigación foi publicada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega este mesmo ano.

Pablo Pintor é mestre de gaita na montaña luguesa,  e, alén de formar Troupelear xunto con Branca Villares, participa do proxecto de Airiños da Freba. Ten sido parte de Tiruleque, GS21, Xacarandaina...

Esta actividade é de acceso libre, mais é imprenscidíbel inscribirse previamente en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621, xa que o aforo está limitado ao trinta por cento para o cumprimento das medidas sanitarias.