Tenda

Galiza

Galiza

Tipo de publicación: Libro
Ano: 2010
Páxinas: 87
ISBN: 978-84-614-4740-4

Sinopse/Descrición

Trátase dunha síntese da historia e da xeografía da Galiza, con referencias á literatura, arte, tradicións... realizada por unha das persoas que mellor coñecía o país, tanto física como espiritualmente. Aínda que a obra é unha descripción do propio País, o seu autor acude á ficción do diálogo entre rapaces e rapazas, que neste caso tracexan desde a distancia da Galiza emigrante unha imaxe entre real e bucólica do país soñado. Por tanto o libro ten tamén unha decidida vocación didáctica, e vai dirixido tanto a un público xeral interesado en coñecer de forma concisa e amena algúns dos aspectos máis destacados do pasado e do presente do seu país, como tamén, e de modo especial, a un público xuvenil, pois novas son tamén as personaxes que o protagonizan e nova e refrescante lles vai resultar en moitos casos a visión que aquí acharen do seu propio país, dispoñendo tamén o profesorado dunha ferramenta atractiva e útil.
Preséntase nunha edición moi coidada, con ilustracións de Xosé Cobas e fotografías de Manuel Graña.

Escolma

O Miño ourensán faise urbano e sosega o seu andar. A vella Auria dálle ao río o agarimo tépedo das Burgas. E o río dálle á cidade, na súa canción, cumprida noticia de xentes e de terras que foi deixando atrás. O Barbantiño pon nas ondas do Miño a alegría do Ribeiriño, que cría uns viñós ledos e saborosos. En Ventosela e Castrelo atopa un dos grandes ribeiros de Galiza, xuntamente co Ribeiro de Avia, que é o Ribeiro por antonomasia. O Avia vai render o seu caudal en Ribadavia, que, segundo dixo Risco, se asemella a Praga. Ribadavia foi corte do noso infortunado rei García, símbolo do país, que morreu cos grillóns nos pés e a quen seu irmán Afonso VI fixo funerais reais. Máis abaixo atopa con Portugal. En Salvaterra a música miñota dálle harmonía e suavidade aos viños do Condado...