Tenda

Os ontes do silencio

Os ontes do silencio

Tipo de publicación: Libro
Ano: 2022
Páxinas: 206
ISBN: 978-84-123102-4-5

Sinopse/Descrición

Vinte e tres contos en que Manuel María recrea o universo da infancia, evoca o mundo labrego e a comuñón do ser humano coa paisaxe e coa terra, ficciona historias dos inicios da guerra e da postguerra ou denuncia a situación social (miseria, caciquismo, emigración…).

Escolma

O Kricoi está no Cereixal
No pobo xa non queda ninguén. As seis ou sete casas que compuñan o lugar vanse esborrallando sen remedio. O nome do lugar é o Cereixal. Do lugar só fica o nome e as ruínas das casas que o tempo vai mutilando máis e máis. O Cereixal está á beira da estrada, nunha vagoada moi estreita, ao abrigo do norte e cara ao mediodía. Debía dar gusto tomar a raxeira, nos días tépedos de outono, neste lugar. Os ventos, de seguro, empuxarían as nubes que van quen sabe a onde.
A ruína das casas dá tristura. Ao seu redor soamente se ven piñeiros. Para plantar os piñeiros houbo que transplantar, que des-plantar, as xentes do Cereixal. Despois da plantación de piñeiros, a xente ficou sen monte onde alindar o pouco gando que tiña. Ficou sen monte onde cavar para sementar o centeo que daría o pan e a seguridade do ano. Ficou sen monte a onde ir apañar o estrume e a leña para poder facer o lume. Agora só quedan en pé uns cantos castiñeiros, xa secos, que, con certeza, morreron de tristura e señardade. As casas xa non teñen lousado, nin portas, nin fiestras. Unicamente as paredes núas, moribundas e desamparadas onde cobras e lagartos toman o sol. Os piñeiros que arrodean as casas ensombrécenas máis. Se un fose poeta diría que os piñeiros abaneados polo vento –os rumorosos– choran diante de tanta soidade.
O caso é que no Cereixal hoxe non hai nin unha soa persoa. As casas quedaron baleiras e logo abandonadas hai vinte, vinte e cinco, cecais trinta anos. Quen é capaz xa de contar o tempo! Os veciños fóronse mundo adiante...