Tenda

Os soños na gaiola en concerto. Partituras para coro, orquestra Orff e banda de música

Os soños na gaiola en concerto. Partituras para coro, orquestra Orff e banda de música

Tipo de publicación: Libro
Ano: 2016
Páxinas: 37
ISBN: 978-84-945714-2-8

Sinopse/Descrición

O libro-CD Os soños na gaiola en concerto, elaborado por Antón Alcalde, Irene Amado e Rafael Collazo, é o resultado da proposta levada a cabo durante o curso 2015-2016 pola Escola de Música de Rianxo e o CEIP Ana Mª Diéguez de Asados co motivo do Ano Manuel María.

Editado pola Fundación Manuel María de Estudos Galegos, coa colaboración do Concello de Rianxo e a axuda da Deputación da Coruña, móstrase través de dous soportes, un caderno e un CD que o acompaña. O caderno contén o desenvolvemento do proxecto realizado polas distintas entidades participantes e os sete poemas escollidos do libro Os soños na gaiola de Manuel María, acompañados de ilustracións de Noemí López e de fotografías de Javier Rodríguez, e as melodías de Suso Vaamonde con cifrado harmónico e arranxos moi sinxelos, realizados polo compositor rianxeiro Antón Alcalde, para instrumentos de láminas. Ao final do caderno recóllense unha serie de contidos que se poden traballar con cada unha das melodías desde a aula de música dun centro educativo.

O CD contén sete audicións que se corresponden cos sete poemas seleccionados (A fouce, O meu barco, A roda-roda, O arco da vella, O río, O lobo e Caracol), e que foron gravados directamente nun concerto que se celebrou o 17 de maio de 2016 en Rianxo, ademais das partituras para banda de música, orquestra escolar e coro (guión da dirección e partes instrumentais) e redución para piano e voz.

Este libro é de balde e só para centros educativos, entidades culturais e musicais, bandas de música, escolas de música, bibliotecas...