Publicacións

 
capa-cancioneiro-de-monforte-de-lemos.jpg

Cancioneiro de Monforte de Lemos

Datos da edición

  • Ano:  2016
  • Lugar:  A Coruña
  • Editorial:  Fundación Manuel María de Estudos Galegos
  • ISBN:  978-84-945714-1-1
  • Páxinas:  69
  • Prezo:  8 €

Reseña

Cancioneiro de Monforte de Lemos, editado por vez primeira en 1990 polo Concello de Monforte, é unha viaxe lírica polo Val de Lemos e a cidade de Monforte a través das súas trinta sinxelas e sentidas composicións. Manuel María poetiza a historia, a xeografía, a arte, os persoeiros, os traballos, a relixiosidade e as lendas das terras onde morou boa parte da súa vida.

Escolma

Poema ao Val de Lemos

O Val está deitado docemente:
a terra é destino, amor, arela.
Pobos de Seoane, de Mañente,
do Fabeiro, A Vide e A Penela...!

O Val de Lemos é un xardín,
un rumor sinxelo de arboredo.
Faise camiño doado no Morín
e sombra vexetal no Escouredo!

O Val é todo luz, verde color,
claridade azul e nubes altas.
E faise en Piñeira labrador,
e foi ferroviario en Ribas Altas!

O Val ten a beleza máis cumprida.
O Val é a terra e mais a xente.
Monforte é o centro da súa vida
e o seu corazón é San Vicente!