Publicacións

viaxes-tenda.jpg

Viaxes e vagancias de M. P.

Datos da edición

  • Ano:  2020
  • Lugar: 
  • Editorial:  Fundación Manuel María de Estudos Galegos
  • ISBN:  978-84-945714-7-3
  • Páxinas:  119
  • Prezo:  9 €

Reseña

Viaxes e vagancias de M.P., obra editada por primeira vez en 1994, é o terceiro libro da triloxía narrativa Manuel de Paderna, personaxe con que Manuel María homenaxea a quen o introduciu na arte da versificación. Historias que transparecen realidade, fantasía, maxia e poesía para seguirmos coñecendo Galiza.

Neste volume Manuel de Paderna bótase a camiñar de novo e visita as sete cidades do Reino de Galiza e mais Pontevedra. A través de fermosas historias, vainos descubrir a orixe sorprendente dos seus elementos máis emblemáticos... E aínda le ha quedar tempo para visitar o trasmundo,

É un obra recomendada a partir dos doce anos.

Escolma

Manuel de Paderna decidira tomar unhas vacacións, pois todo o mundo ten dereito a un descansiño. Elixira Ourense. Quería coñecer persoalmente a don Ramón Otero Pedrayo, a don Vicente Risco, a don Florentino Cuevillas e botarlle un pulso poético a don Antonio Noriega Varela, daquela mestre en Trasalba de Amoeiro. Tamén desexaba alternar con Euxenio Montes, á sazón poeta ultraísta en exercicio, con Augusto Casas e con Manuel Luís Acuña, moi interesado nas vangardas. Aproveitando a ocasión falaría longo e fondo co Doutor Gumersindo Parada Justel, home de moi peregrinas teorías, e investigaría os inventos de don Xoán da Cova Gómez, maiormente o pirandárgallo e o paraugas universal. Tamén devecía por poñerse ao tanto do trampitán, idioma universal inventado por don Xoán para que «infames envexosos» non o plaxiasen. Cando publicaba algo en trampitán, seguidamente poñía a tradución en cristiano. Como todo o mundo sabe, Manuel de Paderna chegou a facer un vocabulario do trampitán, obra de singular utilidade para todos os estudosos de tan universal, singular e fermoso idioma. Este estudo modélico realizouno pola súa conta e risco, de xeito altruísta, sen solicitar ningún subsidio á Consellaría de Cultura nin ao ministerio de Madrid.


Manuel de Paderna, en Ourense, hospedábase na Rexidora, frecuentada polos lambóns e esmorguistas ourensáns, onde se regalaban con boas enchentes. Enchentes afogadas con viños dos Ribeiros –ambos a dous: o do Avia e o do Miño– e do Ribeiriño, pois, como vostede me ensina, chámase dese xeito a cunca do Barbantiño e naquelas datas aínda don Xosé Domingo Posada non creara a Irmandade dos Vinhos Galegos. Tomaba café no Royalty. Alí alternaba a burguesía da cidade e xuntábanse os intelectuais. Por certo: nese café traballaba un rapaciño moi espelido, agudo como un allo, que as collía no aire, de nome de seu Eduardo Blanco Amor. Noriega Varela sempre lle dicía, moi respetuoso e cortés, «don Eduardito». O rapaz andaba algo mosqueado. Mais Noriega era moito Noriega, e «don Eduardito» non se atrevía a repoñerse. Quizais ao rapaz -xa ía para poeta e escritor- non lle desagradaba de todo o tratamento dado polo mestre.


Os días pasaban sen sentir. As conversas cos amigos ourensáns eran deliciosas e proveitosas. A estadía na cidade non podía ser máis grata. Manuel de Paderna paseou demoradamente toda a urbe...