Manuel María > Obra

Cancioneiro_de_Valdeorras.jpg

Cancioneiriño de Valdeorras

Primeira edición

  • Ano:  2003
  • Lugar:  Carballo
  • Editorial:  A. C. Lumieira
  • Número de páxinas:  47
  • ISBN:  84-607-7915-7

Última edición

  • Ano:  2016
  • Lugar:  A Coruña
  • Editorial:  Fundación Manuel María de Estudos Galegos
  • Número de páxinas:  39
  • ISBN:  978-84-944417-8-3

Outros datos da obra

1ª ed., Agrupación Cultural Lumieira, Carballo, 2003, limiar de Manuel María; 2ª ed. Fundación Manuel María de Estudos Galegos, A Coruña, 2016

Reseña

Cancioneiriño de Valdeorras é un conxunto de poemas sinxelos e apaixonados, escritos ao xeito popular, en que Manuel María canta a bisbarra de Valdeorras (o río Sil, os montes, as xentes, as romarías e as feiras, os viños, os persoeiros...), terra que o impresionou e coa que se identificou fondamente.

Escolma

Invocación e ofrenda

Terras de Valdeorras gardadas
polas Serras do Eixe,
da Lastra e da Cabreira,
estades chantadas en min
como un coitelo,
e a vosa ferida faime
escoar este amor
potente e inevitábel!

Sodes a avanzada de Galiza
cara ao páramo de León
onde é raíña a soidade...!

Escoito a voz do vello Sil
afogada xa con tanto encoro.
No meu peito resoa alporizado
o canto do Xares, do Candís,
do San Xulián, do Éntoma,
do Casoio e mais do Valvorraz.

Pérdome polo Barco, A Rúa,
Petín, Vilamartín, Carballeda,
Córgomo, Val de Godos,
Vila do Castro, Outeiro,
Viloira, Xagoaza, Sobradelo...

Valdeorras dos vellos castiñeiros
e das vides retortas e barrocas,
es como unha gorxa humana.
Os ríos son a túa canción.
E o viño é o sangue poderoso
polo que corre a túa vida
sinxela, entusiasmada e irrenunciábel.