Fundación Manuel María de Estudos Galegos
Primeira edición
Última edición
Outros datos da obra
1ª ed., Ediciós Avantar, O Carballiño, 1984, limiares de Felipe Senén e Manuel María, capa e ilustracións de Felipe Senén; 2ª ed., en MANUEL MARÍA, Obra poética completa II (1981-2000), Edicións Espiral Maior, Col. Opera Prima, A Coruña, 2001, pp. 115-142, limiares de Felipe Senén e Manuel María; 3ª ed., Fundación Manuel María de Estudos Galegos, 2016, capa e ilustracións de Felipe Senén.
Reseña
Cantigueiro de Orcellón foi editado por vez primeira en 1984 pola Agrupación Cultural "Avantar", coa axuda do Concello do Carballiño, contando co deseño da capa e coas ilustracións para o interior de Felipe Senén. As vinte e nove composicións do libro percorren a bisbarra de Orcellón, reflectindo as intensas vivencias do poeta por estas terras e mostrando a identificación coas súas xentes: o río Arenteiro, as serras e os montes, os oficios, as romarías e as feiras, os viños, os persoeiros, os espazos e os momentos senlleiros da vida do Carballiño.
Escolma
ORCELLÓN
Que ollada fonda, pura e amorosa!
Que cores, que vales e que outeiros!
Orcellón é esta terra tan fermosa
de carballos, piñeiros e amieiros!
Aquí o mesmo camiño é camiñante.
Non hai nada no mundo tan humán!
A Terra de Orcellón é semellante
á palma, núa e rugosa, dunha man!
Incluso a luz ten cor melancolía ...
A xente é resistente como o ferro.
Na lonxanía, serras. E a cantería
que, na paisaxe, xurde como un berro!