Noticias

Vilalba acolle este venres 11 a estrea do espectáculo teatral A verdadeira historia do poeta Manuel de Paderna

presentacion-lucecus-teatro-paderna.jpg

09/03/2016 - Auditorio Municipal de Vilalba

Será este venres 11 de marzo ás 20.30 horas no Auditorio municipal Carmen Estévez de Vilalba

A compañía Lucecús Teatro dá un paso máis na súa andaina, iniciada moi recentemente coa estrea do seu primeiro proxecto teatral, apostando desta vez polos textos do autor homenaxeado polo Día das Letras Galegas, o chairego Manuel María. A nova obra que nos presentan conta coa colaboración da Casa-Museo Manuel María, así como da Área de Cultura da Deputación de Lugo e, para esta ocasión, do Concello de Vilalba.

 

Así, este venres 11 de marzo o auditorio municipal Carmen Estévez de Vilalba acolle a estrea d'A verdadeira historia do poeta Manuel de Paderna. Será a partir das 20.30 horas con entrada gratuíta.

 

Logo do espectáculo A órbita do lucecú a compañía aposta por unha función para público familiar, nun intento de diversificar a súa oferta teatral con especial atención aos máis cativos da casa.

A verdadeira historia do poeta Manuel de Paderna é unha clara reivindicación da dramaturxia galega, escollendo textos de Manuel María como os que se poden atopar nos libros A tribo ten catro ríos, Os soños na gaiola, Cando o mar foi polo río ou As rúas do vento ceibe. O espectáculo céntrase na figura do personaxe Manuel de Paderna, moi importante na vida de Manuel María xa que foi quen, segundo o propio escritor ten relatado en multitude de ocasións, lle aprendeu a versificar no propio Outeiro de Rei durante a súa infancia, guiando os seus primeiros contactos co mundo da poesía e marcándoo de por vida.

 

Logo do necesario tempo de ensaios, que tiveron lugar nun espazo tan especial como a mesma casa natal de Manuel María, a mesma na que Manuel de Paderna traballaba como criado, o lugar da estrea non podía ser outro que a capital da Terra Chá: tal é o carácter profundamente chairego destas historias. A función está dirixida por Rubén Pérez e conta no elenco con Isa Herrero e Anxo Manoel.

 

Lucecús Teatro nace froito dun soño artístico, dunha necesidade creadora de berrar nunhas difíciles coordenadas históricas. Lucecús quere brilar nestes momentos tan escuros para o teatro.