Noticias

VIA GALEGA, plataforma da que forma parte a Fundación Manuel María, conmemora a Revolución de 1846

2019.-cartaz-martiresdecarral.jpg

19/04/2019

O próximo sábado, 27 de abril, VIA GALEGA, Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza, en que está inserida a Fundación Manuel María de Estudos Galegos, desenvolverá, en colaboración con entidades culturais de Carral, un acto para conmemorar os sucesos do pronunciamento liberal e galego de abril de 1846, que deron lugar ao desenlace acontecido en Carral e cuxas vítimas son coñecidas como os Mártires de Carral. Os actos comezarán a partir das 18.30 hrs nunha carpa instalada no Campo da Feira, frente á Casa do Concello, e rematarán cunha ofrenda floral no monumento aos mártires (achégase con este correo cartaz con toda a información”).


Durante o acto, a Asociación Cultural e Teatral Abril de lume e ferro representará un anaco da peza dramática escrita por Manuel MARÍA sobre estas datas chave da nosa historia, “Abril de lume e ferro”.

 

Os Mártires de 1846

Foi polo mes de Abril,
no século dezanove.
Un berro forte, baril,
a toda a patria conmove!

Solís en Lugo berrou
un berro de rebeldía.
Galiza enteira acordou!
O pobo enteiro se erguía!

Pois a patria desta feita
cumpriría as súas angueiras.
Mais logo veu a desfeita!
Perdeuse todo en Cacheiras!

Solís e os seus oficiais
foron no intre xulgados.
Aqueles homes leais
remataron fusilados…!

En Carral está a cova
dos Heroes da Liberdade:
semente fecunda e nova
que un día será verdade…!

As rúas do vento ceibe (1979)