Noticias

Versos de Manuel María na rede para festexar o Día da Poesía

10401927_642035199223438_1678048284108356481_n.jpg

21/03/2016 - Galiza

Diferentes persoas e colectivos culturais lanzan durante a xornada de hoxe, Día Mundial da Poesía, a iniciativa de facer da etiqueta común #ManuelMaría trending topic nas redes sociais a través dos versos do poeta 

Hoxe 21 de marzo celébrase en todo o planeta o Día da Poesía. A Casa-Museo Manuel María, nunha iniciativa que está a contar coa colaboración de diferentes persoas e colectivos culturais de toda Galiza, lanza hoxe a proposta de compartir nas redes sociais versos ou poemas do autor ao que este ano se homenaxea coas Letras Galegas. 

A proposta busca converter ao longo da xornada en trending topic, é dicir, en tendencia en redes sociais como Twitter, Facebook e Instagram, a etiqueta común ou hashtag #ManuelMaria. Así, anímase a todas as persoas ou entidades usuarias destas redes sociais, e mesmo a empresas e institucións, a compartiren ao longo do día versos ou poemas de Manuel María dos que gusten cantas veces quixeren. 

Desde primeira hora da mañá e, especialmente, desde as doce do mediodía, moitas persoas, e mesmo institucións como a CRTVG, a Real Academia Galega, a Deputación de Lugo ou as redes de Bibliotecas Municipais da Coruña e de Ourense, fóronse xa sumando a esta iniciativa. A diversidade dos temas, estilos e métricas escollidos dan boa mostra da amplitude da obra poética de Manuel María, mais tamén da popularidade da que segue gozando a súa palabra literaria.