Noticias

Sobre o "Cantigueiro de Orcellón"

capa_orcellon.jpg

Artigo de opinión de Felipe Senén, esta quinta feira, 26 de outubro en Nós Diario

O territorio medieval de Orcellón correspondía inicialmente coa banda occidental do Arenteiro, as Terras do Irixo, Piñor de Cea e Boborás; mentres que da banda do nacente e lindeira co mesmo río corresponderían ás de Castela: o Carballiño, Cea, Maside, Punxín, que pasarían a ser da xurisdición de “Orzillón”.
Territorio por onde o chairego enxergaba o paso e os cantares do xograr medieval Pero Meogo, ao que tanto Murguía como Ferrín poñen de clérigo por igrexarios de Banga e Gomaríz... e de aí ao Dacón e ao Amarante dos pais de Paco Luis Bernárdez, o mesmo que premiou a Manuel María de mozo e fixo posíbel a publicación no alén mar do seu Advento (1954).
No Nadal do 1981, Manuel María, entrégame dedicado á miña compañeira e a min o orixinal dun libro sobre viaxes que en principio titulaba Versos de andar e ver e que ao cabo da longa demora na edición mudou polo de O Camiño é unha nostalxia (1985). Logo, en agosto de 1982, faime entregada de O Cantigueiro de Orcellón para ilustralo, poñerlle prólogo e facerllo chegar a Xoán Afonso García López, presidente da Asociación Cultural Avantar. Páxinas definitivamente dedicadas ao Carballiño.
Alonso Montero di ben, sabendo que Manuel María non dá puntada sen fío, que é propenso a usar os heterónimos. Tas o heterónimo de Ernesto Afonso Reque Varela están os carballiñeses Ernesto Atanasio, Corcheiro, o Xoán Afonso, mesmo servidor como Reque e finalmente o profesor de matemáticas César Varela. Nas verbas de presentación, o autor bosquexa un currículum para o seu “autor” no que enguedella a filosofía popular e galeguista do Corcheiro coa misión nacionalista do procurador Xoán Afonso. Do apelido Reque Varela conta que ten antecedentes en Carucedo, que se licenza en varias carreiras e que mesmo fixo escavacións arqueolóxicas... que emigra á Arxentina e milita no Grupo Nacionalista Pondal, o que estaba na vida do Corcheiro.
Publicación que sae do prelo na primavera de 1984: con 1.500 exemplares editado por Avantar e patrocinado polo Concello do Carballiño, cunha segunda edición no 2016, esta xa en colaboración coa Fundación Manuel María. Manuel María e os da súa Casa de Hortas coñecían ben o Carballiño. 
Libro que o Manuel me pediu que o ilustrara... e así fixen de xeito sinxelo, case como de cartel de cego ou de literatura de cordel e cun toque estilo Virxilio por aquilo de seguir enredado na aura risquiá. O presidente de Avantar recibiu o libro e coidou a edición na imprenta Fumega.
Anos despois o alcalde Manuel Vázquez, Pachi viu ben pór unhas placas cos versos do cantigueiro nalgúns dos lugares cantados por Manuel: Pena dos Namorados, Eira e Fonte de Flores, Concello, Praza da Galiñas... rotulados en materiais débiles e que o tempo e o vandalismo vencen. Cantigueiro arredor do que Eduardo Bernárdez, instituíu un roteiro por eses locus amoenus do Carballiño. Conseguiuse ademais que desde o 28 de outubro do 2017 o centro cultural da vila leve o nome de Manuel María.
“... O meu corazón queda no Carballiño...”. Son estes versos fáciles, populares, que nacen ao ritmo do choutar. Algúns deles axeitados pra cantar, quizais ao xeito antigo, de Santalices; escritos que peregrinan entre as paisaxes e paisanaxes. Emocionados versos finais nos que confesa Abrín os meus ollos ben abertos/ limpei o sentimento/pra ollar e sentir o Carballiño/anaco inseparable de min mesmo/ fermosísima tribo de Galicia.../ O meu corazón queda no Carballiño/e sei que un día calquera se fará/lene rumor do Arenteiro /ou acio de uvas , ben granado /que no setembro/madura ao sol lentamente en Cabanelas./ Libro de obrigada lectura para as xentes carballiñesas.
Non quedou aí esa declaración de amor do poeta chairego ao Carballiño, abonda nos seus artigos de viaxes de “Andando a Terra” no xornal A Nosa Terra, con referencias aos amigos desas terras, desde don Ramón de Trasalba, a Bautista Álvarez de Loucía en Lás. Andainas que viraban rumbos para seguir polos ribeiros do Barbantiño aos do Arenteiro, Banga, Cabanelas, Pazos... aos ribeiro do Avia, Beade ou do Arnoia... e sempre Ribadavia e, na ida e volta, o Carballiño...e ao fondo a Pena Corneira e as terras de Avión... O Carballiño na encrucillada e sobre a que se ergue, como gran cruceiro, a torre do Templo do arquitecto Palacios.