Noticias

Reseña do Clube de Lectura sobre "Os seres queridos" de Berta Dávila

img-20221105-wa0042+.jpg

"As malas mulleres" , de Marilar Aleixandre, será a a lectura escollida para o 17 de decembro

O 22 de outubro comentouse Os seres queridos, de Berta Dávila no Clube de Lecturas de adultas da Casa-Museo Manuel María.
 
Ás lectoras interesounos esta obra por abordar unha cuestión tan tabú aínda na nosa sociedade como é o aborto e contrapoñela coa idealización da maternidade, cando a experiencia común é bastante contraria, tanto no que se refire ao propio embarazo coma ao momento posnatal. Esta realidade complexa animicamente, que en moitos casos supón unha enorme fraxilidade, fica moi ben representada na idea da desaparición da persoa que a muller era ao devir 'nai'.
 
Esta novela permitiunos falar da automatización da maternidade na cultura occidental: é algo que non se cuestiona, é o esperable. Esta "obriga" interiorízase tanto, que leva ás veces ás mulleres -non sempre por convencemento propio- a pelexar consigo mesmas para lograr o embarazo, e isto supón un desgaste físico, psicolóxico e emocional terrible.
 
Porén, atopamos o ton do relato demasiado aséptico (quizais non podía ser doutro xeito) e o episodio final do boneco pareceunos que non encaixaba a xeito na trama argumental. Para alén diso, doeunos a soedade da protagonista, sen unha rede de apoio, nin familiar nin de amizades con presenza significativa cando máis o precisa, o que nos levou a considerar pouco coherente o título. As figuras femininas son sombras do pasado ou preséntanse como personaxes difuminadas, que non contribúen á superación do dobre dó á que se enfronta a personaxe principal.
 
Para rematar, leuse o poema 'Karen' de Lorena Conde, pertencente ao poemario Ave do paraíso, no que se racha coa herdanza misóxina dun conto tradicional de Andersen. Os petiscos, dúas receitas deliciosas de tortas de mazá, tiveron despois o seu momento. Mais antes tiramos unha foto do grupo de lectoras cun retrato ao fondo de Saleta pintado por Blas Lourés.
 
A seguinte sesión terá lugar o 17 de decembro, e a lectura elixida para esa data é As malas mulleres, de Marilar Aleixandre.