Noticias

Presentación de Contos do Mar de Irlanda e do audiovisual "Dos gaiteiros do mar" na Casa-Museo Manuel María

cartaz-manuel-maria.jpg

19/11/2014 - Casa-Museo Manuel María, Outeiro de Rei

Será o xoves 19 de novembro ás 20 horas no auditorio da Casa-Museo, en Outeiro de Rei, a antiga palleira grande da casa natal de Manuel María

Un día Xurxo Souto sentiu unha terríbel falta de ignorancia: A pesar de vivir nunha cidade-barco, A Coruña, nunca ninguén lle tiña falado do mar. 

Decidiu facer algo elemental: preguntar. E axiña apareceu o océano por todos os currunchos. Desta descuberta surxiu Contos do Mar de Irlanda. E deste libro nace agora o documentario Dos gaiteiros do mar, audiovisual realizado na compaña de Martín Rodas e Daniel Lavesedo. 

OCÉANO PARA TERRÍCOLAS é unha sesión de iniciación atlántica. Inclúe, alén da proxección, un espectáculo radicalmente interactivo, porque os asistentes coñecen e, inmediatamente, interpretan cancións que naceron no Gran Sol e Terranova. Corpus sonoro da Galiza do mar que comeza a arribar a porto. 

Até o momento, Souto ten realizado unhas 70 representacións por todo o país galego; tamén en xeografías tan distantes como Lisboa, Barcelona ou Bruxelas. Agora, con humildade e vehemencia, recala na casa natal do autor de Mar maior: o poeta Manuel María. 

Da Coruña á Terra Chá, MEDRE O MAR!