Noticias

Palabras de Xosé Estévez, en representación do Padroado da Fundación Manuel María, no acto de homenaxe a Manuel María en Laudio

p5200005.jpg

31/05/2017

Intervención perante o monolito inaugurado o 20 de maio de 2017 

Excelentísimas autoridades, amigos e amigas, galegos/as e vascos/as. E doutras nacións. Antes de nada quixera expresar o meu máis leal recoñecemento por convidarme a intervir neste acto na honra do meu grande amigo Manuel María, o inmorredoiro bardo nacional galego. Laudioko Udaletxeari, bereziki Natxo Urkixo Orueta alkat jaunari, ere bai esker bero-beroak ematea nahi dizkiot placa honek ipiniagatik. Tamén Víctor Valiño é merecente de inmensa gratitude pola iniciativa e o pulo a este evento. Parabéns a Valdi por interpretar con fidelidade o espírito de Manuel María. Recoñecemento a Peña Anduriña, ao Centro Galego de Laudio e, en especial, a Víctor Valiño por este monumento, cuxa colocación a carón do cruceiro é moi axeitada.  Manuel María era moi parcial dos cruceiros, aos que lle dedicou poemas. Incluso, cando foi concelleiro en Monforte, logrou que se erguera un nunha praza ben emblemática do pobo.   
En realidade, estou neste acto por petición expresa dos organizadores e, sobre todo, como membro do Padroado da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, en representación da presidenta, Saleta Goi, a viúva de Manuel María, que  me encomendou esta gustosa misión, xa que ela non podía asistir por mor doutras actividades que coincidían con esta data.  No seu nome quero expresar o máis sincero e fervente agradecemento aos organismos e persoas que fixeron posíbel a colocación deste monólito. 
-1ª-Para entender a empatía de Manuel María cara a Euskal Herría hai que ter en conta en primeiro termo o seu pensamento político-social. Manuel María era un nacionalista galego convicto, confeso e mártir, un férvente amante de Galiza e ferreño defensor da súa cultura, sobre todo, do seu elemento máis definidor, a lingua galega. Por ese mesmo feito era solidario con outros pobos, que padecían problemas semellantes, sobre todo os situados na Península Ibérica, senlleiramente Euskal Herria e Catalunya. Sempre dicía que amar o propio non significa desprezar o alleo e que para solidarizarse cos demáis é necesario semellarse ás árbores: chantar ben fondas as raíces nunha terra e abrir  as pólas aos ventos da solidariedade universal. Dende ben cedo procurou coñecer as dúas citadas culturas e literaturas, a catalá e a éuscara. Fixo amizade temperá co catalán Salvador Espriu e co vasco Gabriel Aresti.
-2ª-Mesmamente o contacto, as relacións e a admiración pola poesía de Gabriel Aresti é outro dos elementos a salientar nos vencellos de Manuel María con Euskal Herría. A xulgar pola correspondencia mantida entre os dous os contactos comezan en 1968, coñecéronse persoalmente en 1972 e as vinculacións intensificándose deica a morte do poeta vasco en 1975.
 -3ª- Tamén mantivo amizade con outros persoeiros da cultura vasca como o escritor Koldo Izagirre, tradutor seu ao éuscaro, así como Joseba Sarrionaindia, Arantza Urretabizkaia e Edorta Ximenez, o cantautor Mikel Laboa, o etnógrafo Juan Garmendia Larrañaga, o director teatral Eugenio Arozena, a escritora de Iparralde Itxaro Borda e unha grande admiración polo poeta Francis James.
 -4ª-Moitos escritores en Galiza denunciaron o drama da emigración dende a mesma Rosalía de Castro pasando por Curros Enriquez até chegar a Manuel María. Mesmamente, moitos escritores tiveron que optar pola emigración ou o exilio para sobrevivir. Na emigración naceron importantes xeiras culturais e os símbolos máis relevantes da identidade galega: O Himno, a Bandeira e a Real Academia Galega. Máis a emigración supuxo e supón, pois aínda segue, un verdadeiro cancro para a sociedade galega, pois Galiza queda sen o máis salientable dun Pobo: sen a poboación nova e sen capital humano. Este cancro foi denunciado tamén por Manuel María en moitos poemas, artigos, conferencias e mesas redondas.
Tamén convén dicir que polo menos levou varios premios por obras presentadas no Centro Galego de Bos Aires. Polo menos tres das súas obras foron publicadas en Bos Aires, grazas ás achegas económicas dos emigrantes.
-5ª-Manuel María sempre tivo unha especial sensibilidade cara aos emigrantes, a cuxos Centros, Casas e Asociacións, esparexidas por Euskal Herria, acudiu de xeito desinteresado e filantrópico. Os Centros Galegos (Laudio, Bilbao, Barakaldo, Donostia, Sestao etc.) e as Asociacións Culturais (Rosalía de Castro en Barakaldo e Daniel Castelao en Pasaia), espallados ao longo da xeografía vasca, foron un importante vehículo de conexión de Manuel María co País Vasco. Manuel María participou en actividades destes organismos en varias xeiras durante moitos anos.
-6ª-Outro relevante núcleo de conexión foron os Congresos Galeusca de escritores, dos que Manuel María era moi seareiro, participando activamente neles e dándolles una aire de empatía e simpatía relacional. Comezaron en 1984 en Poblet e foron celebrándose alternativamente nas tres nacións deica este ano 2014. Manuel María a lo menos participou en catro dos celebrados en Euskal Herria: Bilbao, Iruña, Vitoria-Gasteiz e Biarritz. 
-7ª-Por último, pola banda da súa dona e compañeira inseparable, Saleta Goi García, tiña ascendencia vasca. O apelido Goi, Goia, Goñi (arriba) é vasco. O bisavó de Saleta foi un mestre vasco destinado a Lugo, onde casou con unha fidalga, da familia Ulloa.

Despois de moitas pescudas contabilicei 17 estadías en Euskal Herría: 1972 (dúas), 1974, 1977, 1978, 1982, 1985 (dúas), 1986, 1988 (dúas), 1989 (dúas), 1990, 1991, 1994, 1995 e 1997.
No tocante a Laudio estivo os anos 1990 e 1995. En maio de 1990 pronunciou o pregón do V Día de Galiza en Euskadi, sendo alcalde da localidade Pablo Gorostiaga. En 1995 veu a presentar  ao Centro Galego o libro de Andoni Vázquez Tierra,  “O fume das cinsas”, cuxo limiar é de Manuel María. Convén tamén sinalar que Manuel María adoito colaboraba, enviando artigos e poemas, na revista “ESPALLADOIRO”, do Centro Galego de Laudio, impulsada por Víctor Valiño.
Puidemos contabilizar  polo menos 30 actuacións de diverso tipo: CONFERENCIAS, RECITAIS, PRESENTACIÓNS DE LIBROS e PREGÓNS.
Nos xornais e revistas de Euskal Herria apareceron polo menos 8 varias ENTREVISTAS co noso poeta, co gallo das súas viaxes  e estadías en Euskal Herria.
En canto a ARTIGOS E POEMAS SOLTOS DE MANUEL MARÍA SOBRE EUSKAL HERRIA temos constatados arredor de 24.
PEZAS TEATRAIS TRADUCIDAS AO ÉUSCARO acreditamos polo menos dúas.
Tamén acreditamos  uns sete ESCRITOS DE DIVERSO TIPO VERSIONADOS AO ÉUSCARO.
E hoxe hónrome en presentar un poema case inédito DE KOLDO IZAGIRRE, un dos máis grandes escritores vascos actuais e gran galeuzcano, adicado a MANUEL MARÍA.
O 15 de setembro de 1995 a ASPG (Asociación Socio Pedagóxica Galega), integrada por ensinantes que loitan por un ensino galego e en galego, organizou unha homenaxe a Manuel María para agradecerlle a súa continua presencia activa nas xornadas que celebraba durante o ano entre os ensinantes e os actos culturais de toda clase nos que participaba Manuel María nos Centros de Ensino.   Nesa cea leuse este poema:  
    “VARIACIÓS SOBRE UN TEMA POPULAR VASCO PARA MANUEL MARÍA, QUE MORRERA A CADA INTRE CANDO EU AÍNDA NON NASCERA
Mokoa galdu du,
e o malvís segue a cantar.
Hegoa galdu du,
e o malvís segue a cantar.
Burua galdu du,
e o malvís segue a cantar
Nola kanta? Nola txirula?.
A resposta é seguir a cantar.
Perdeu o bico
eta xoxoa kantari.
Perdeu as azas
eta xoxoa kantari.
Perdeu a testa
eta xoxoa kantari.
Como pode cantar? Como pode vivir?
A resposta é seguir a cantar.
Perdeu o bico
e segue a cantar.
Perdeu as azas
e segue a cantar.
Perdeu a testa
e segue a cantar.
Canta que perdeu o bico,
canta que perdeu as as,
canta que perdeu a testa.
A vida é seguir a cantar.
O malvís perde os ollos
e resuscita á lús.
O malvís morre a cada intre
e segue a vivir.
O malvís é o seu propio cantar”. 

Manuel María acolleu e animou a poetas galegos residentes en Euskal Herria, cuxos poemarios prologou. Tal é o caso de “Onde o vento leva un soño de carpazas” (1990), de Xosé André López, e “O Fume das cinsas” (1995), de Andoni Vázquez Tierra. Na presentación deste último falou Manuel María no Centro Galego de Laudio en novembro de 1995, como xa dixemos.   
Como xa dixen Manuel María pronunciou o pregón de V Día de Galiza en Euskadi, celebrado en Laudio en maio de 1995. Nun intre dese pregón, publicado na revista ESPALLADOIRO, Manuel María di:
... “Temos as raigañas na nosa Terra; pero as ponlas en Euskalherria, dous amores sulagados nun só anceio: a solidaridade entre dous povos irmás, Galiza e Euskalherria.
    Fermosas palabras escritas, con caraiteres indelebeis, no aire vascongado e que viaxan, nas ás do vento, deica a lonxana Galiza, que olla pró misterio, dende o comenzo do mundo, aló en Fisterra. Palabras que devolven as ondas cántabras, grises e alporizadas -as inquedantes ondas do Mar da Celtia- deica esta entrañabel, querida e fraternal patria vasca, a que os galegos amamos moi fondamente xa que un verde semellante asombra aos nosos ollos, maravillados e inocentes; a música do mesmo mar, bronco e masculino, arrola aos nosos soños. E semellantes carballos sagrados nos dan acobillo e exempro de forteza, perseverancia e arraigamento no nativo torrón.
 A vós, meus queridos irmaus galegos, aos que a vida trouxo a esta fermosa, noble e singular terra, amadea de verdade; respetade o seu ser e asumide a sua cultura, o único xeito de merecer esta patria que vos acolle e que me acolle. Este é o xeito de amar e de honrar tamén a Galiza. Unicamente o amor e a comprensión lle dan un senso transcendente á vida. Compre respeitar pra que nos respeiten. Hai que comprender aos outros pra que nos comprendan. É preciso amar pra que nos amen”.
 A Manuel María gustábanlle os versos de Xabier Amuritza, que din:
“Galizan sustraiak
adarrak Euskadin
zuhaitz bigainagorik
ez ziteken egin”
Resulta moi acaído lembrar este poema de Manuel María, titulado “Euskadi”, pertencente a un libro seu “O Camiño é unha nostalxia” (1985), poemario dedicado aos países que recorreu e a algúns tamén imaxinarios:
“Irundik Somorostroraino ibili nintzen
eta Uztarrotik Bergondoraino.
Gasteiztik eta Donostiatik pasa nintzen.
Iragan nuen
Bilbo Handia edo Babel handia
oroimenean ilintia bezala bizirik neramala
Gabriel Aresti Segurolaren hitz
miragarri isilezina,
ahots bikain eta garden eta lanbrotsua,
euskara aberri
gaitz, zangar, erasotua.
Itsasoaren marrumak
musika zakarra zeukan,
antzinako jainko baten mezua bezain agintari.
Ibarretako argi leunak,
zeru gris-tristura baten zamapean
xukatu egiten zuen
ikurriñaren koloreen garraldia,
inoiz suntsituko ez duten
herriaren
irudi”
  
Gora Eukal Herria! Viva Galiza.
Eskerrik asko denori eta ondo izan”.

Xosé Estévez.
Laudio, 20-5-2017.