Noticias

O último Manuel María

045_a_luz_ressuscitada.jpg

Artigo de Manuel López Foxo no semanario Sermos Galiza, publicado o pasado 14 de marzo

O poeta Manuel María foi e é admirado por moitas persoas que sorprendentemente o que máis valoran da súa figura non é precisamente a súa mellor poesía. Talvez isto é así porque durante moitos anos o seu compromiso político tivo tanta ou máis relevancia que a propia creación literaria e mesmo porque, máis aló da obra, Manuel María alcanzou xa en vida a categoría de símbolo do país, como noutrora o fora don Ramón Otero Pedrayo. Mais nós pensamos que a meirande homenaxe que lle podemos facer a un escritor ou a unha escritora é ler e reler o mellor do seu legado literario. Por iso sempre nos resultou incomprensíbel que non lle concedésemos a debida atención a obras como Advento ou Mar Maior, ou que a última etapa creativa de Manuel María, a que vai de Poemas ao Outono a Poemas para dicirlle a dúas lagoas, sexa a menos coñecida polo seu público máis fiel, ou que libros como A luz resucitada, As lúcidas lúas do Outono, A Primavera de Venus ou Compendio de orballos e incertezas, nos que o poeta alcanzou un dos seus máis altos cumes líricos, nin sequera tivesen aínda unha segunda edición con corpo propio. En calquera país cunha literatura normalizada, calquera destes libros levaría xa varias ducias de edicións.
A luz resucitada, o poemario do que hoxe queremos falar, é un libro de tal riqueza temática e de tal dimensión lírica e humana que podería estar traducido a todos os idiomas do mundo, coa certeza de que a súa lectura non decepcionaría a ningunha persoa que de verdade ame a poesía. Nos seus versos, delicados e transparentes como o vidro, escritos con acento melancólico, o poeta ilumínanos coa luz que máis amou: o amor a Saleta, as paisaxes nativas, os misterios da mañá, as cores e os recendos máis intensos da súa tribo, as cousas pequenas do seu universo íntimo, a música do río que cruzou a súa infancia, o regato do Cepelo... É un libro de regresos. É o regreso á Casa de Hortas e á terra de Outeiro, que posteriormente terá continuidade no poemario Ritual para unha tribo capital de concello. E é sobre todo unha viaxe cara á dentro, intimista, que busca de novo o resplandor da luz e resucita as vivencias máis luminosas da súa vida. Cada un dos poemas do libro é tamén unha mostra da altísima voz poética de Manuel María, da súa exquisita sensibilidade humana, da súa sabedoría e da súa lucidez. Estamos ante unha das grandes obras mestras do poeta, un deses nove ou dez libros —de entre os 55 títulos publicados— que recollen o mellor do testamento lírico do autor. En definitiva, poesía de fondura humana e beleza extrema.