Noticias

O Clube de Lectura Xuvenil retomou a súa actividade após o verán

img_20210911_192605.jpg

Reseña da súa última sesión, celebrada o pasado 11 de setembro, que protagonizaron "Frankenstein ou o Prometeo Moderno" de Mary Shelley e "O único que queda é o amor" de Agustín Fernández Paz

Despois dun verán no que vimos choiva e sol, no Clube de Lectura Xuvenil retomamos a nosa actividade o pasado sábado 11 de setembro, mais desta volta fixémolo nun lugar moi especial para Manuel María como o era a Santa Isabel.
 
Falamos sobre "Frankenstein ou o Prometeo Moderno", un clásico do Romanticismo escrito por Mary Shelley que acompañamos da fermosa edición ilustrada por Miguel Robledo, quen nos axudou a adentrarnos nese mundo tenebroso e monstruoso así como a comprender o concepto do "sublime" mediante esa sensación de pequenez fronte á grandeza e poder da natureza. Pero o máis relevante desta obra foi poder compartir opinións sobre a importancia da beleza interior e intentar así que todo ser humano se sinta incluido e querido pola sociedade: ó igual que mostra Tim Burton na súa filmografía, toda persoa demanda e quere compartir o seu amor co resto do mundo.
 
Isto tamén está relacionado coa outra obra que limos, titulada "O único que queda é o amor", de Agustín Fernández Paz. Desta volta coincidimos en que, nun primeiro momento, o título non parecía acompañar o libro xa que en realidade o que nel se mostra é a perda dun ser amado, ou o non atreverse a querer fronte ó medo do que poida pasar. Aínda así os relatos curtos desta novela permitíronnos apreciar a importancia do amor, por ser o encargado de mover o mundo en tódolos seus aspectos.
Por último, grazas ás historias de Agustín puidemos imitar unha orixinal idea que leva a cabo a protagonista do capítulo "Un río de palabras", deixando así algo de literatura polas rúas de Outeiro de Rei.
 
Deste xeito o amor foi a peza clave da nosa xuntanza, non só pola temática das obras senón por poder xuntarnos nese recuncho de Outeiro de Rei que Manuel María tanto amaba. 
 
Na vindeira xuntanza falaremos dunha novela de María Solar, "As horas roubadas".

Galería de fotos

Xuntanza do Clube de Lectura Xuvenil en Santa Isabel

Xuntanza do Clube de Lectura Xuvenil en Santa Isabel

Eva Teijeiro (2021)

Xuntanza do Clube de Lectura Xuvenil en Santa Isabel

Xuntanza do Clube de Lectura Xuvenil en Santa Isabel

Eva Teijeiro (2021)