Noticias

Novas edicións de "A luz resucitada" e de "Viaxes e vagancias de M.P."

skm_75821033116350_0002.jpg

05/04/2021

Desde xa na loxa virtual da Casa-Museo Manuel María

A Casa-Museo Manuel María vén de pór na súa loxa virtual, a disponibilidade das persoas interesadas, novas edicións dos libros de Manuel María, A luz resucitada (terceira edición) e Viaxes e vagancias de M.P. (2ª edición).

A luz resucitada, obra editada por primeira vez en 1984, é un poemario de versos delicado e transparentes, escritos con acento melancólico, onde Manuel María nos ilumina coa luz que máis amou: o amor a Saleta, as paisaxes nativas, os misterios da mañá, as cores e os recendos máis intensos da súa tribo, as cousas pequenas do seu universo íntimo, a música do río que cruzou a súa infancia, o regato do Cepelo... É un libro de regresos. E é sobre todo unha viaxe cara a dentro, intimista, que busca de novo o resplandor da luz e resucita as vivencias máis luminosas da súa vida. Poesía de fondura humana e de beleza extrema. 

A luz resucitada ten un prezo de 10 euros.

Viaxes e vagancias de M.P., obra editada por primeira vez en 1994, é o terceiro libro da triloxía narrativa Manuel de Paderna, personaxe con que Manuel María homenaxea a quen o introduciu na arte da versificación. Historias que transparecen realidade, fantasía, maxia e poesía para seguirmos coñecendo Galiza.

Neste volume Manuel de Paderna bótase a camiñar de novo e visita as sete cidades do Reino de Galiza e mais Pontevedra. A través de fermosas historias, vainos descubrir a orixe sorprendente dos seus elementos máis emblemáticos... E aínda le ha quedar tempo para visitar o trasmundo,

É un obra recomendada a partir dos doce anos e o seu prezo é de 9 euros.