Noticias

Nova edición "Os soños na gaiola en concerto"

ensaio5.jpg

23/12/2021

Elaborado en 2017 por Antón Alcalde, Irene Amado e Rafael Collazo partindo dunha proposta que levaron conxuntamente a Escola de Música de Rianxo e o CEIP Ana Mª Diéguez de Asados

 

A Casa-Museo Manuel María vén de editar unha segunda edición do material didáctico "Os soños na gaiola en concerto". Este libro-cd, de distribución gratuíta, foi elaborado no ano 2017 por Antón Alcalde, Irene Amado e Rafael Collazo partindo dunha proposta que levaron conxuntamente a Escola de Música de Rianxo e o CEIP Ana Mª Diéguez de Asados co motivo do Ano das Letras dedicado a Manuel María.
 
O material preséntase a través de dous soportes, un caderno e un CD. O caderno contén o desenvolvemento do proxecto realizado polas distintas entidades participantes e os sete poemas escollidos do libro Os soños na gaiola, de Manuel María, e as melodías de Suso Vaamonde con cifrado harmónico e arranxos moi sinxelos para instrumentos de láminas realizados polo compositor rianxeiro Antón Alcalde.
 
O CD contén sete audicións que se corresponden cos sete poemas seleccionados (A fouce, O meu barco, A roda-roda, O arco da vella, O río, O lobo e Caracol), e que foron gravados directamente nun concerto que se celebrou o 17 de maio de 2016 en Rianxo, ademais das partituras para banda de música, orquestra escolar e coro (guión da dirección e partes instrumentais) e redución para piano e voz.
 
As persoas interesadas poden recibir un exemplar de balde escribindo a contacto@casamuseomanuelmaria.gal, sinalando o seu nome, enderezo e e entidade á que pertence (banda, coro, asociación...) ou centro educativo onde dá aulas.
 
Imaxe de Javier Rodríguez