Noticias

Lanzamento da publicación Poemas escollidos, nova antoloxía poética de Manuel María

img_20151122_0002.jpg

23/11/2015 - Galiza

Trátase da primeira escolma publicada que contempla a obra poética de Manuel María na súa totalidade, incluindo os poemarios inéditos publicados após o seu falecemento 

Con ilustración de portada da autoría de Manuel Facal, sae á luz desde este luns 23 de novembro Poemas escollidos, unha coidada antoloxía poética de Manuel María: a primeira que contempla a produción poética na súa totalidade, pois xa inclúe os poemarios inéditos publicados após 2004, ano do falecemento do escritor. 

En Poemas escollidos advírtese, xa de inicio, do complexo de facer unha escolma dunha obra como a de Manuel María, que inclúe até 55 títulos de poesía publicados. E non só por extensión cuantitativa, senón pola variedade de temáticas, métricas e estilos que conforman o corpus lírico do noso Poeta Nacional. Unha idea, porén, preside a nova publicación: fuxir de reducionismos, de estereotipos ou de visións preconcibidas ao presentar a rica produción poética dunha das voces literarias imprescindíbeis da nosa literatura. Con outras palabras, achegar ao público lector que se anime a coñecer -ou redescubrir -o autor a quen se dedican as Letras Galegas de 2016 unha obra que vai moi alén da etiqueta da "poesía social" ou da poesía política e patriótica; unha obra que, como o mesmo Manuel María, percorreu todos os camiños creativos nunha evolución constante. 

Poemas escollidos presenta unha importante novidade no criterio de selección e ordenación: os poemas aparecen cronoloxicamente organizados, mais non por orde de publicación, senón de creación. Deste xeito, Elexías á miña vida pequeniña aparece en segundo lugar, polo momento no que foi escrito. Isto permitirá ao público lector recoñecer as diferentes etapas creativas na poesía de Manuel María.