Noticias

A Irmandade Manuel María e Xermolos entregan a navalla de Manuel María, a título póstumo, a Suso do Bahía

ro.jpg

Recollemos a intervención de Cielo, en representación da familia de Suso do Bahía

Quero expresar neste día, ante todo, o noso máis fondo agradecemento a Alfonso Blanco, a Irmandade Manuel María e a Asociación Xermolos por elixir a Suso do Bahía, para recibir a título póstumo a navalla de Manuel María. Foi unha grande emoción para toda a familia de Suso coñecer esta decisión, entre outras cousas, porque sabemos canto se conmovería el e canto agradecería recibir a navalla do seu grande amigo, ao que sempre quixo e admirou con todo o seu corazón.
Na nosa casa, recibir a Manuel María e Saleta que viñan de cando en vez a Foz e, se podían, quedaban con nós algúns días, era unha festa. Eu, que era moi cativa as primeiras veces que viñeron e que fun medrando ao carón tamén das súas visitas, ficaba engaiolada escoitando ao Manuel, que non se cansaba de contar historias das súas vivencias e dos seus pensamentos con aquela súa voz profunda e tenra. Aquelas conversas alongaban as sobremesas que sempre costaba acabar porque as historias non remataban nunca.
Escribiu Suso como foi a súa relación con Manuel María e Saleta no limiar da terceira edición dos Versos frolecidos en louvanza de Foz, que editou a Libraría Bahía no 50 aniversario da súa primeira publicación, que coincidiu ademais co ano en que se dedicou o Día das Letras Galegas a Manuel María. A relación de Manuel María con Suso é tamén a relación de Manuel María con Foz, as dúas van parellas, como non podía ser doutro xeito: Suso era a alma de Foz. Deixemos pois que el nos conte:
“Coñecemos a Manuel María e a Saleta Goi a finais dos anos 50, sendo o que subscribe estudante de Maxisterio en Lugo. Eran noivos e formaban unha parella moi atractiva: ela era unha beleza e el un guapo mozo, de verdes e fermosos ollos e unha voz profunda, sonora, acariñadora.
Á hora de tomar as tazas, en ocasións coincidiamos nalgunha daquelas vellas tabernas luguesas de tanto encanto. Nalgún momento que non podemos precisar, produciuse a relación persoal e xurdiu unha mutua simpatía que de contado se volveu fondo afecto e amizade sincera que se mantivo ata o seu pasamento.
A primeira visita da parella a Foz foi o ano do casamento (1959). Manuel encetaría entón, polas  festas do Carme, unha longa relación de referencias á nosa vila cun artigo titulado “La Virgen Marinera”, publicado en El Ideal Gallego. No ano 1964 ven residir á nosa vila un ilustre persoeiro, don Ramón Fernández Mato, escritor, xornalista e político da República, parente afastado do poeta; a circunstancia favorece a frecuencia das viaxes de Manuel e Saleta a Foz.
En 1996 convócase o I Certame de Xogos Florais Vila de Foz, no que acuaría de mantedor —dada a súa amizade con Mato— o ilustre tribuno Eugenio Montes, por aquel entón agregado cultural da embaixada española en Roma, cunha intervención antolóxica. Preséntase ao certame Manuel María e gaña o primeiro premio e flor natural co feixe de poemas Versos frolecidos en louvanza de Foz A partir dese momento son incontables as ocasións nas que o vate se despraza á nosa vila, non só para participar en distintos actos culturais, senón tamén para pasar días de vagar. Manuel foi pregoeiro das festas do San Lourenzo en 1969 e do Carme en 1994, das Letras Galegas en 1986, da Feira do Libro en  1988; pronunciou conferencias, asinou libros, fixo recitais dos seus poemas, participou en mesas redondas. Tendo en conta estas consideracións e dende unha valoración puramente obxectiva, en acto público celebrado en agosto de 1996, pedimos que a Casa da Cultura de Foz levase o seu nome, petición que dende a nosa condición de promotor e director da Feira do Libro de Foz, lle ratificamos por escrito ao señor alcalde o día 2 de abril de 1997, o que deu lugar ao correspondente acordo municipal: a Casa de Cultura de Foz pasa a ser Casa da Cultura poeta Manuel María.
A derradeira viaxe do poeta chairego a Foz produciuse no mes de abril de 2004 para atender un pedimento que se lle fixera dende o concello: asistir á inauguración do maratón de lectura que estaba dedicado á súa obra. Manuel María deixábanos cinco meses máis tarde.”
Suso do Bahía deixounos hai agora pouco máis dun ano. Ambos os dous,  o Manuel e mais el, viven nesa parte de nós que comeza sendo un oco insondable e vaise  enchendo aos pouquiños de lembranzas, ensinanzas, palabras, xestos, voces que xa se confunden con nós mesmas; é difícil saber onde comeza dentro de nós a xente querida que nos deixou e onde nós: formamos un só ser. Por iso as boas persoas que xa non están non marchan nunca de todo porque forman parte de quen seguimos aquí e a través de nós continuarán nas sucesivas xeracións. Así tamén continúa a obra de Manuel María impregnando a nosa cultura e a nosa vida, os seus poemas, que ademais foron feitos cancións tantas veces e cantados en ocasións festivas tantas outras, xa nos conforman como pobo. 
Cando Suso recibiu o título de Fillo Predilecto de Foz,  rematou o seu discurso cunhas palabras do Manuel: “A vida dun ser humano, por moi longa que sexa, sempre é curta. O que de verdade importa é a vida da comunidade: dos que foron, dos que son e dos que serán. Desa cadea os presentes unicamente somos unha breve faísca, unha muxica entre dúas noites que nos chaman e nos engolen”.
Hoxe, ao recibir a título póstumo a navalla de Manuel María para meu pai, Suso do Bahía, quero facelo celebrando por riba de todo a amizade, a máis pura, nobre e sincera amizade. Esa forza poderosa foi a que uniu estes dous homes que eran, ante todo e sobre todo, bos e xenerosos, dous homes que rebordaban humanidade, que xamais dicían que non a quen necesitase deles, que traballaron arreo polo ben do seu pobo e de quen os rodeaban, que celebraban a vida con paixón e que deixaron por iso afectos tan fondos en toda a xente que tivo a sorte de compartir vida ou anacos de vida con eles. Esa mesma amizade que hoxe nos trae aquí e nos une neste fermoso e emotivo acto. 
Moitas grazas.
 
Foto que acompaña a nova é de Raúl Río.