Noticias

Incendiaria e A Quinta do Cuadrante veñen de estrear esta fin de semana "A lúa vai encuberta" espectáculo gañador do II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais

transferir-(1).jpg

Recollemos o artigo de Manuel Xestoso, publicado en Nós Diario, so o título "O teatro que recupera a memoria e a identidade"

Foi un proceso de descuberta moi fértil sobre a historia contemporánea da Galiza. Consultamos libros e documentación, entrevistamos algúns dos protagonistas... e quedamos bastante abraiados coa cantidade de cousas que se nos ocultaron. Creo que é algo xeracional, mais o silencio sobre moitos asuntos do noso pasado -sobre o que se construíu e o que se destruíu- foi conformando un relato moi incompleto da nosa identidade".
O director Tito Asorey refírese así ao proceso de posta en escena de A lúa vai encuberta, a obra de Manuel María que as compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante estrean hoxe, no Teatro Principal de Ourense, despois de que o seu proxecto quedara gañador do premio convocado pola Casa-Museo Manuel María. 
A obra, escrita en 1977, destaca varios dos episodios da nosa historia que o relato oficial tende a esquecer: o Estatuto do 36, a guerrilla antifranquista, os enfrontamentos entre os galeguistas do exilio e os que optaron pola vía cultural no interior, a loita obreira nas décadas de 1960 e 1970, o asasinato de Moncho Reboiras… En definitiva, di Asorey, "a historia de como non se puido construír un país". 
"Algúns dos presuntos sinais de identidade galegos son, en realidade, construcións ideolóxicas que tenden a desactivar calquera loita emancipadora: a saudade, por exemplo. Hai moitas cousas que non coñeciamos sobre a posguerra e a transición, ou que coñeciamos dunha forma moi terxiversada. Eu estudei a carreira de Historia e ninguén me falou de todo isto. E así se conforma unha conciencia colectiva moi cativa que, até certo punto, explica a situación que vivimos agora", explica Asorey. 
A lúa vai encuberta é, sobre todo, un retrato social da Galiza, unha historia que enfía os retos políticos e culturais do país na batalla por recuperar a súa personalidade. Pode verse como un intento de elaborar unha historia máis apegada aos feitos obviados polas institucións. Nas palabras do propio Manuel María, trátase dun "anaco da historia dramática do noso país por recuperar a súa auténtica personalidade". 
 
Unha perspectiva xeracional
Unha historia que foi deturpada e que agora comeza a agromar de novo diante dunha xeración que insiste en preguntar e en poñer en cuestións relatos como o da "modélica transición", ou o da "Galiza conservadora". A perspectiva adoptada polas dúas compañías é declaradamente xeracional: non ocultan que abordan a posta en escena desde un punto de vista que pertence ao presente. "A nosa xeración acabou convertendo Castelao nunha camiseta, nunha icona pop sen contido", di Asorey. "E nós estamos descubrindo un Castelao cunha visión política extraordinaria, un enorme compromiso coa nación e unha capacidade de mobilizar asombrosa. En certo sentido, estamos descubrindo unha Galiza que puido ser e non foi. Mais tampouco queremos caer na nostalxia e no desalento, ao contrario: eu sempre digo que o teatro debe facer preguntas máis que dar respostas, pero neste momento é necesario tamén tomar posición. Vivimos nun país que está sendo vendido ao mellor postor -non hai máis que ver o que ocorre cos eólicos, coas minas, cos eucaliptos- e precisamos comprometernos co noso presente".
 
Inesperadamente moderna
A lúa vai encuberta é unha obra moi influenciada polas formas dramáticas que se desenvolvían daquela por toda Europa. Manuel María coñeceu en Barcelona o teatro documento de Peter Weiss e as obras de agit-prop, e tratou de aplicar aquelas estéticas á realidade galega. Nunha época como a nosa en que o teatro documental volve ser unha ferramenta dramática de actualidade, a obra adquire unha insospeitada modernidade. 
Precisamente, as últimas montaxes de Incendiaria (Microspectivas dun marica millenial) e de A Quinta do Cuadrante (O empapelado amarelo), así como outras  obras dirixidas por Asorey como Resaca ou Fariña, teñen moitos recursos formais en común coa de Manuel María. "É unha peza que talvez hai uns anos podía parecer máis forzada", recoñece o director, "pero agora, tanto a nivel formal como pola pertinencia do seu contido, está en perfecta harmonía co teatro máis avanzado dos nosos días". 
"Todos levamos traballando desde hai bastante tempo con iso que chamamos "teatro documento" e resultounos sorprendente ver como Manuel María emprega fórmulas, a finais da década de 1970, que agora se utilizan no teatro contemporáneo para analizar as contradicións da sociedade. Crear a ponte entre a súa xeración e a nosa a partir desas estéticas resulta moi enriquecedor. Imaxinamos como sería aquela teatralidade para integrala na nosa".
"Iso, si", conclúe, "sen renunciar a ese obxectivo do teatro -tamén o de Manuel María- que é o de divertir ao público. Pódense sinalar as contradicións ao tempo que lle proporcionamos diversión e entretemento a quen veña ver o espectáculo".