A composición gañadora será editada, xunto ás outras cancións finalistas, nunha publicación que será distribuída por todas as escolas e conservatorios da Galiza
Falan uns campesiños aos que lles expropiaron as terras, da autoría de Xesús Xosé Iglesias González, composta sobre o poema homónimo de Manuel María, foi a canción lírica, para voz e piano, que resultou gañadora da segunda edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais celebrada esta tarde, cunha gala-concerto, na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei. O autor que levou un premio de mil euros en metálico, verá a súa composición editada, xunto as obras das outras finalistas, nunha publicación que será distribuída gratuitamente por todos os conservatorios de música de Galiza para que poida ser empregado como material didáctico.
A gala-concerto contou coa presenza da soprano Esperanza Mara e o pianista Juanma Varela que interpretaron nunha primeira parte as cancións finalistas Tes un brilo amortecido de Teo Montero Rey, Baladiña do salouco confidente de Manuel Tizón Díaz, Lembranza da Lagoa de Cospeito de Brais González Pérez, Soños no meu fogar de Gerald David Vázquez Fernández e Falan uns campesiños aos que lles expropiaron as terras de Xesús Xosé Iglesias González. E nunha segunda parte presentaron en concerto unha serie de cantigas e melodías galegas da compositora galega Eugenia Osterberger, figura salientábel no mundo musical e cultural de Galiza do último terzo do século XIX.
O concurso contou cun salientábel e prestixioso xurado composto por Margarita Viso Soto, Juan Duran Alonso e Xosé Carlos Seráns, que nunha primeira fase, celebrada o 4 de xullo, escolleu, de entre todas as composicións anónimas que se presentaron a concurso, as cinco pezas finalistas que se puideron escoitar no día de hoxe nun cheo auditorio da Casa-Museo Manuel María.