Noticias

Este sábado celébrase na Casa-Museo Manuel María a fase final da Vª edición do Concurso de videopoemas

imaxevideopoemas-22(segundo).jpg

13/05/2022

Máis de oitenta, foron os traballos presentados nesta edición, que mañá, sábado, chegará ao seu fin coa elección, por parte do xurado, dos dous mellores traballos finalistas

Once son os videopoemas finalistas que este sábado, 14 de maio, exhibiranse publicamente na Casa-Museo Manuel María e que foron seleccionados entre os máis de oitenta traballos que participaron no Concurso escolar de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María, que este ano vai pola súa quinta edición. Ao final da exhibición, o xurado emitirá o seu ditame co que, ao seu xuízo, son os os dous mellores traballos presentados.
O concurso ten como finalidade a potenciación da creatividade artística, a través da conxunción da palabra, o son e a imaxe, e o coñecemento e difusión da obra de Rosalía e Manuel María, e participan mozas e mozos que van desde 1º da ESO até Bacharelato, incluíndo Ciclos Formativos. Os trinta centros educativos inscritos na presente edición son das localidades de Lugo, Ourense, A Coruña, Rodeiro, Sanxenxo, Xanceda, Panxón, Porriño, Carballo, Narón, Portas, Valga, Moaña, Maceda, Cambados, Castro de Ribeiras de Lea, Pontevedra, Monforte, Redondela, Neda, A Estrada, Rianxo e Compostela.
A xornada final, a celebrar este sábado, dará comezo ás 11 horas co visionado dos videopoemas finalistas e finalizará unha vez se entreguen os premios dos traballos gañadores. As persoas asistentes a esta actividade terán a posibilidade de facer unha visita guiada á Casa-Museo e descubrir a figura de Manuel María e o seu acervo.