Fundación Manuel María de Estudos Galegos
O concurso, organizado pola Casa-Museo Manuel María, ten por finalidade a potenciación da expresión oral e a creatividade a través do recitado da obra de Rosalía de Castro e Manuel María
Estes sábado, 18 de marzo, na Casa-Museo Manuel María, cáseque 150 crianzas, rapaces e rapazas de distintos puntos do país participarán na terceira edición do Concurso de recitado de poesía "Rosalía sempre viva".
Este concurso ten como finalidade a potenciación da expresión oral e a creatividade a través do coñecemento e recitado da obra de Rosalía de Castro e de Manuel María, e vai dirixido a todo o alumnado de Educación Primaria, Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos.
Após celebrarse a fase previa nos distintos centros educativos que concorren no certame, este sábado desenvolverase a fase final no auditorio da Casa-Museo Manuel María. Nesta, os alumnos e alumanas seleccionadas terán de recitar un poema libremente escollido entre a obra de Manuel María e Rosalía de Castro.
O concurso valora a autenticidade e naturalidade do recitado (ton, timbre, ritmo, pausas, dicción, inflexión da voz e expresividade), así como a memorización e o nivel de dificultade do poema escollido.