Noticias

Carta de despedida e agradecemento de Fran Rei

p1020832.jpg

08/05/2017

Prezadas amigas e prezados amigos, 

Xa que non é posíbel facelo face a face, gustaría de vos comunicar o máis persoalmente posíbel que nestes días pasados rematou a miña etapa como responsábel do atendemento da Casa-Museo Manuel María. 

Aínda que a miña colaboración coa Fundación Manuel María de Estudos Galegos seguirá como até agora, a necesidade de dispor de todo o meu tempo para outros obxectivos profesionais motiva unha decisión que non foi nada doado tomar, precedida dun tempo prudente de reflexión persoal e de consulta cos meus seres queridos. 

Gustaría de vos dicir que cada unha das miñas experiencias laborais é para min unha sucesión de tesouros de valor incalculábel, dunha parte no importantísimo plano da aprendizaxe e do valor do traballo, mais, por sobre todo, no das relacións humanas que se van estabelecendo a cada paso. Cada etapa é, por iso, con todas as súas características, única e irrepetíbel. 

Mentiría se dixese que estes tres anos e medio no día a día do atendemento da Casa-Museo Manuel María non me deixan marcado para sempre. É mui difícil para min poder expresar nunhas poucas liñas todo o que vivín e aprendín desde o momento mesmo daquela multitudinaria xornada de apertura ao público -na que colaborei como un voluntario máis -até chegar aquí. 

Emociona especialmente o que significou ter vivido, desde un dos seus epicentros, un ano como 2016, en que se lle dedicaron a Manuel María as Letras Galegas: para mellor ou para peor correspondeume ser o rostro e a voz primeira coa que deron os millares de persoas -muitas delas escolares de todas as partes do país – que só durante o ano pasado se achegaron a Outeiro de Rei da Terra Chá. 

Quen me coñece sabe ben que non podo vivir sen a proximidade do mar. E porén debo dicir que en Outeiro, e na Chaira enteira, achei algo máis que unha terra acolledora e amiga: achei unha segunda morada. Aprendín a amar, xa para sempre, a que o Manuel chamaba a súa Tribo: un amor que viaxará comigo alí onde for. Nesa sensación de agarimo e benestar tivo muito, muitísimo, a ver a cálida acollida coa que desde o primeiro momento me dispensou a familia de Manuel María: Xosefa, Tonecho, Carmiña... seguiron a reproducir comigo aquel vello espírito acolledor que durante tantos anos practicara, con tantas e con tantos, a señora Pastora, a nai do Manuel. 

A miña marcha non supón, en ningún caso, desatendemento nin redución na bulideira actividade da Casa-Museo, como xa poderíades comprobar nos últimos días se por alí vos achegastes. O meu compañeiro Antón Laxe, ao que deseguro algunhas e algúns xa coñecedes, atende, desde hai xa uns días, o día a día da Casa: garantía de actividade intensa e de rigor inmenso no traballo, mais tamén da amabilidade, a cordialidade e o bo humor que, mellor ou peor, eu tratei de practicar ao longo destes anos no meu trato convosco. 

Non quería acabar estas liñas sen agradecerlle a Saleta, a Alberte, a María Calvo...e a todas e todos os integrantes da Executiva e do Padroado da Fundación toda esta etapa de traballo en común e, especialmente aos primeiros, que quixesen contar comigo para un proxecto colectivo tan fermoso e que tan necesario era. Se quen ledes isto por algún motivo aínda non coñecedes a Casa-Museo, por favor, non deixedes de ir: vaivos sorprender e emocionar. 

Canto entendo agora, tras esta etapa que se cerra, estes versos do Manuel á súa tribo: 


Ámote, Outeiro. Como non amei
terra ningunha. A luz 
que cintila nos meus ollos 
de lonxe vén e ti ma deches. 
Devolvereicha un día para que
poidas alumar, co seu breve
fulgor amortecido, a túa
gris lembranza agoniante.
Quedarei inmóbil, cego e nu.
Vento serei entón: bágoa, laio
e levísimo rumor atristurado. 

Despídome dándovos as grazas a todas as persoas que vos cruzastes no meu camiño durante estes anos, pola vosa amabilidade, cariño e paciencia comigo: desde as crianzas máis pequenas que participaron nas visitas escolares aos participantes nas actividades periodicamente programadas. Até vérmonos. 

 

AGRADECEMENTO DA FUNDACIÓN

Desde a Fundación Manuel María moito agradecemos a Fran Rei o seu traballo e dedicación nestes anos e o seu inmenso cariño pola obra de Manuel María. Desexámoslle, así mesmo, a mellor das sortes na súa nova andaina.