Noticias

Carmen Conde, de Tarabela Creativa, levará este sábado á Casa-Museo Manuel María o seu espectáculo cósmico "Astrolabios"

astrolabios-2.jpg

08/12/2022

Unha viaxe ao espazo a través dos contos será a proposta da narradora e dramaturga

A guionista, narradora oral e dramaturga, Carmen Conde, estará este sábado, 10 de decembro, ás 17 horas na Casa-Museo Manuel María cun espectáculo para público familiar (a partir de 6 anos), Astrolabios.
 
A narradora lucense proporá ao público asistente, durante case unha hora, un percurso para coñecer o ceo desde as diferentes culturas, mitos e lendas da Terra. A través da súa palabra e dunha coidada escenografía, as persoas espectadoras saberán onde queda o norte, aprenderán curiosidades sobre algún planeta, descubrirán como din que se creou a Terra, entenderán as fases da Lúa, para que serviron no seu día os eclipses, coñecerán que a Vía Láctea é en realidade o camiño das estrelas e que estas se reunen en constelacións... Alén diso, no espectáculo cósmico que decorrerá o sábado, as crianzas e os adultos poderán experimentar baixar a lúa do ceo, ter o Sistema Solar completo nas mans e mesmo poderán ver nebulosas de perto.
 
Para asistir ao espectáculo é necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621. O billete ten un prezo de 2 euros.