Noticias

Botando raíces

img_20190928_184839_171.jpg

Un artigo de Mariajo Fernández do Padroado da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, editado en Nós Diario o 15 de outubro do pasado ano


En 2006 fomos vivir a Outeiro de Rei, a unha desas urbanizacións que medran ó redor das urbes, nas que os seus ocupantes seguen a facer unha vida semellante á que facían na cidade, coa diferenza da posibilidade de gozar dun pequeno xardín ou no caso dos máis ousados atreverse cunha horta, mofa dos veciños de vello, que aínda hoxe nos miran con receo ó sentirse invadidos por unha masa de “urbanitas”que chegan alterando a súa contorna e a súa tranquilidade, con aire de superioridade e non sempre respectuosos co lugar.

A maioría das persoas que aquí viven poderían asentarse en calquera outro sitio. Nisto nós tiñamos claro que queriamos ser diferentes e fomos aproveitando todas as posibilidades para vincularnos a el, xa que non entendemos a vida doutra maneira. Fixemos noso ese dito de “un non é de onde nace senón de onde pace” e fomos arraigando nun solar que hoxe sentimos propio. Foi determinante o contacto cun grupo de persoas cos que compartimos valores, intereses, e sobre todo o amor á terra e que se senten parte desa “tribo” da que falaba Manuel María con eles fomos descubrindo, coñecendo e querendo a este lugar, fomos botando raíces.

E nesas estabamos cando en 2013 foi inaugurada a Casa Museo. A nivel persoal permitiume afondar na obra e na figura do autor, coñecer a persoa e o o seu labor no fortalecemento ideolóxico do nacionalismo galego. Para Outeiro supuxo a chegada de aire fresco e a posibilidade de acceder a unha actividade cultural da que este concello carecía, e que como non podía ser doutra maneira, vinculada á terra.

Abriuse camiño con diversas actividades musicais, que moitos chairegos e non chairegos fomos integrando na nosa axenda. A oferta foise ampliando con actividades dirixidas ao público infantil, cine, teatro, faladoiros e por suposto os clubs de lectura, nos que participo e colaboro. A necesidade de chegar á rapazada adolescente levounos a pór en marcha un club de lectura xuvenil. Mozos e mozas galegofalantes, criados e educados no amor á terra, nunha idade na que se define a súa personalidade e na que deberían fortalecerse eses vimbios tecidos nas familias, tiñan que atopar o seu espazo nas actividades ofrecidas pola Casa.

A tarefa por suposto non é doada, os atrancos son continuos, un dos maiores o labor desgaleguizador da propia escola, moi lonxe daquela demanda do Manuel, de que o galego entrase nas escolas e se convertese na linguaxe de cada día. Os que criamos e educamos en galego sabemos o que iso significa, nenos e nenas que chegan á escola falando galego e en pouco tempo “sorpréndennos” parolando en castelán cos seus iguais, deixando o uso do galego ó contorno familiar. Esta situación acentúase cando empezan a escoller o que len, ven ou escoitan. Son fabas contadas os mozos e mozas que a estas idades escriben en galego nas redes sociais. Os grandes lectores deixan de ler en galego pois séntense mais atraídos pola maior oferta en castelán que deben de ler para non quedar descolgados no seu grupo de iguais. Nas casas loitamos contra vento e marea intentando manter a lectura en galego e moitas veces sentímonos derrotados, pero non vencidos.

E a loita continuará ata que os paxaros abandonen o niño e voen, nun voo que os leve onde os leve ese arraigo e ese amor á terra e o propio os vai facer entender e afrontar a vida doutra maneira, os axudará a botar raíces onde a vida os leve e a sentirse parte do lugar onde se asenten. Non hai nada máis triste que sentirse de ningures, aquilo de non ser nin de aquí nin de acolá non debería de cumprirse.

Co club de lectura xuvenil na “Casa de Hortas”, queremos recuperar para o país e para o futuro toda esa rapazada e tamén abrir un mundo pouco coñecido, o da literatura en galego, a moitos outros para que nun futuro poidan sentirse orgullosos do noso. Queremos recoller o testemuño deixado por Manuel María, continuar a facer país e loitar pola dignidade dunha lingua que esmorece entre as novas xeracións. Contribuír tamén o arraigo da Fundación como institución no contorno que lle deu orixe, e sen dúbida esperamos estar botando a semente dun futuro para a nosa cultura, a nosa lingua e o noso país, continuando a construír Galiza.