Noticias

A Terra Chá, O Courel e Taramancos

vlcsnap-2021-06-17-18h19m15s164.png

Artigo, en Nós Diario de Xosé Manuel Pérez Álvarez, bibliotecario da Casa-Museo Manuel María

No mes de xuño pasado, na contraportada de Nós Diario, Xurxo Souto publicaba un artigo, agora recollido no seu libro Pangalaica, en que falaba de como na Coruña, entre viños compartidos, Manuel María e Uxío Novoneyra convenceron a Antón Avilés para que, ao xeito dos trobadores medievais, engadise ao seu nome e primeiro apelido o Taramancos do lugar de nacemento.
Manuel María deixou por escrito a súa versión deste encontro. En varios artigos conta como convenceron a Avilés para adoptar o nome da súa tribo natal. O influxo eran as lecturas da poesía medieval galego-portuguesa e do gran número de trobadores coñecidos polo lugar de orixe, nos que citaba o seu querido Xohán de Requeixo, a Pero de Ambroa ou a Xohán de Cangas: “Seguíamos o exemplo dos poetas galaico-portugueses medioevais -andabámolos a descubrir abraiados e deslumbrados- que pasaron á posteridade co nome de pía e como apelido o do seu lugar de orixe”. Na biblioteca da Casa-Museo consérvase a escolma de poesía medieval de Xosé María Álvarez Blázquez do ano 1952 cun retallo dun artigo sobre ela publicado por Manuel María no Faro de Vigo en abril de 1953.
Nun artigo de maio de 2003, ano en que se dedicou o Días das Letras a Avilés, ampliou algo a información: “Nós tíñamos proxectado firmar no sucesivo como Novoneyra do Caurel e Manuel da Terra Chá. E xa ven en que quedou o conto...".
Pois si, o conto non foi moi adiante na asignación do topónimo nos seus libros, pero si que o puxeron en práctica nos meses seguintes. Fáltanos a fixación cronolóxica da reunión trilateral, pero pola documentación que se conserva na Casa-Museo podémola fixar no verán de 1954, ano no que se celebrou, no mes de xullo, o Congreso de Poesía en Compostela, no que participou Manuel María e no mes de agosto, o 23, houbo un recital de poesía en Betanzos no que coincidiron Avilés, Novoneyra e Manuel María.
Do primeiro deles do que temos coñecemento da utilización do sobrenome é de Manuel María. A finais de 1954 enviou unha nadaliña, cun seu poema impreso, asinada como “Manuel María da Terra Chá, xograr”, cunha cruz latina previa ao nome. Con ese nome asinou o seu Libro de Cantigas, folleto de tiraxe limitada que publicou en 1955. A mesma sinatura se conserva nun libro da súa biblioteca persoal, un sinxelo libro da Colección Austral do ano 53, da autoría de Pedro Salinas titulado Poemas escogidos.
Non sabemos que tivese usado a sinatura máis veces, porén si empregou de continuo a autoría de ou por “Manuel María da Terra Chá” en textos soltos. Así na Carta a Daniel R. Castelao no 5º ano do seu pasamento, publicado en Lar, Buenos Aires, Febreiro de 1955 ou na Nova Cantiga a Santa Sabel en 1957, a Cantiga a Xohán de Requeixo de 1967, os poemas de Galegos en Bizkaia publicados en conxunto con outros de Gabriel Aresti en 1969 e outros dedicados a amigos en 1999 e até en febreiro do 2004.
Unha carta a Celso Emilio Ferreiro datada en San Xoán de 1955 remítea como “de Manuel María da Terra Chá” aínda que no pé asine só como Manuel María e foi correspondida coa dedicatoria, xa en 1963, de Longa noite de pedra “Para Manuel María da Terra Chá, coa garimosa amistade e ademiración de Celso Emilio Ferreiro”.
Sobre o caso de Uxío Novoneyra soubemos por unha entrevista publicada en El Progreso do 21 de marzo de 1958 de que tiña escrito, e para publicar, Libro de cantigas do derradeiro trovador Novoneyra do Caurel, que finalmente non foi impreso como tal.
Avilés si usou do topónimo natal para asinar toda a súa obra editada desde finais de 1955 primeiro coa separata da revista coruñesa Atlántida titulada As moradías do vento e despois co libro A frauta e o garamelo no ano 1958.
Tres escritores para os que podemos parafrasear, con toda xustiza, as palabras coas que Manuel María remataba o seu artigo de 2003 referíndose a Avilés de Taramancos: Foron tres altísimos poetas. E galegos exemplares. Poetas que se identificaron, e son identificados, coa Terra e o pobo conserva os seus nomes ligados a súas orixes en asociacións, colexios ou parques.