Noticias

A Casa-Museo Manuel María vén de elaborar e editar dous xogos de mesa

gaiola3.jpg

A gaiola e Apañasoños teñen como fío condutor versos de Manuel Maríe e van dirixidos para todas as idades a partir dos oito anos

A Casa-Museo Manuel María vén de elaborar e edita dous xogos de mesa, A gaiola e Apañasoños, coa finalidade de achegar a poesía e obra de Manuel María ás crianzas dunha maneira gozosa e lúdica. Ambos os xogos pretenden ser máis un elemento para brincar en ambientes informais e descontraídos e/ou para ser xogados no ámbito familiar. Alén disto, os xogos procuran en todo momento que a interacción entre as persoas participantes sexa en lingua galega, xa que é elemento imprescindíbel para poder levalo a cabo.
Os dous xogos, ilustrados e cunha acabada presentación, teñen unha mecánica sinxela para ser xogados a partir dos oito e nove anos e a temática conecta acaidamente con centros de interese destas idades como son a paisaxe, os animais, o medio ambiente, elementos urbanos...
A gaiola consiste en emparellar cartas que teñen a mesma ilustración, mais con versos diferentes de poemas de Terra Chá, As rúas do vento ceibe e Os soños na gaiola, e non ficar cunha carta concreta (a que ten un debuxo dunha gaiola) e Apañasoños ten por obxectivo completar estrofas inacabadas do poemario Os soños na gaiola e conseguir o maior número de cartas de versos.