Noticias

A Casa-Museo Manuel María recibe o premio Xiria ao labor teatral da Mostra de teatro de Cangas

20220701_090315.jpg

O galardón foille concedido pola creación do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais para compañías profesionais. 

A Casa-Museo Manuel María vén de recoller o pasado domingo en Cangas o premio Xiria ao labor teatral da man da 39 Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. O galardón foille concedido pola creación do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais para compañías profesionais, un excepcional proxecto que para alén de promover a produción da obra dramática de Manuel María e contar cunha dotación económica, realiza un complexo labor de pre e postprodución que garante ao proxecto gañador a súa distribución nos moitísimos concellos de Galiza que colaboran co certame.
 
Premio moi significativo por vir dun dos máis importantes certames teatrais do noso país e por todas as persoas e entidades do noso teatro que foron galardoadas con anterioridade. Inmensa alegría da Casa-Museo Manuel María que quere partillar con todas as persoas que apoian este grande proxecto.