Noticias

A Casa-Museo inicia este sábado a súa nova temporada cultural cun concerto, no seu exterior, da Orquestra de Cámara Galega

orquestra21_publicacion(mod2).jpg

O vicepresidente da Fundación Rogelio Groba e director da Orquestra de Cámara Galega, Rogelio Groba Otero, fará entrega á Casa-Museo Manuel María, en nome de seu pai, Rogelio Groba Groba, de tres cantatas que este compuxo baseándose en textos de Manuel María

 A Casa-Museo Manuel María inicia este sábado, 25 de setembro, a súa nova temporada cultural cun concerto da Orquestra de Cámara Galega. Este levarase a cabo ás 17 hrs, no espazo da horta da Casa-Museo.
A Orquestra de Cámara Galega foi fundada hai vinte e cinco anos polo seu director concertino, e fillo do mestre Groba, Rogelio Groba Otero, e está composta por músicos galegos formados en diversos conservatorios europeos e cunha bagaxe de interpretación músical polas máis grandes salas de concertos internacionais. A súa excelencia interpretativa permítelle abranxer un amplo repertorio, desde o Barroco até os nosos días, asumindo o compromiso de dar a coñecer a música de compositores galegos, cunha especial mención á obra do compositor Rogelio Groba Groba.
Rogelio Groba, o compositor galego de música clásica vivo máis relevante e o máis prolífico, con máis de setecentas obras das que moitas aínda non viron a luz, compuxo tres cantatas baseadas en poemas de Manuel María, que forman unha triloxía sobre Galiza. Unha delas, a que leva por título As rúas do vento ceibe, como o libro homónimo do escritor da Terra Chá, foi estreada o 2 novembro de 2019 no teatro Colón da Coruña.
Este sábado, no decorrer do concerto, a Fundación Groba, representada polo seu vicepresidente, Rogelio Groba Otero, fará entrega de ditas cantatas á Casa-Museo Manuel María.
O concerto é de entrada gratuíta mais é imprescindíbel facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621