Noticias

A Agrupación Cultural O Galo de Compostela homenaxea este venres 10 a Manuel María

0001.jpg

08/02/2017 - Espazo eno-cultural Vide Vide, Santiago de Compostela

No acto entregarase a Saleta Goi e á Casa-Museo Manuel María un cartafol artístico da autoría do pintor Nolo Suárez

Alberte Ansede, secretario da Fundación, falará sobre o legado de Manuel María 

Continúan por toda a xeografía actos e iniciativas de homenaxe a Manuel María ou de divulgación da súa ampla obra creativa.

Este venres 10 de febreiro a capital de Galiza acollerá unha homenaxe ao poeta organizada pola Agrupación Cultural O Galo compostelá, unha das entidades culturais en activo máis antigas de Galiza, da que o propio Manuel María foi activo colaborador. Será ás 20.30 horas no Espazo eno-cultural Vide, vide! (Rúa da Fonte de Santo Antonio, 10).

No acto, ao que acudirá a viúva de Manuel María e presidenta da Fundación, Saleta Goi, farase entrega dun cartafol de homenaxe da autoría do pintor Nolo Suárez, actualmente vicepresidente do Galo. Ademais, Alberte Ansede, secretario da Fundación, falará sobre o legado de Manuel María.

En palabras de Nolo Suárez: "Realicei esta pequena homenaxe a Manuel María guiado pola intención de que todas e cada unha das miñas pinturas que integran este cartafol adicado ao Poeta da Terra Chá sexan un agradecemento e reflictan algo das pegadas súas, que prenderon en min como home e como pintor".