Noticias

Concurso escolar de recitado de poesía de Rosalía "Rosalía sempre viva"

tarxeta.jpg

15/12/2014

 Coa finalidade de conmemorar o aniversario de Rosalía de Castro, a nosa escritora máis universal, a Fundación Manuel María lanza o concurso escolar de recitado de poesía "Rosalía sempre viva", dirixido a todo o alumnado do ensino non universitario de Galiza


BASES:

1. OBXECTIVO

Este concurso ten como finalidade a potenciación da expresión oral e a creatividade do alumnado a través do coñecemento e recitado da obra de Rosalía de Castro, para celebrarmos así o aniversario da nosa escritora máis universal.

2. PERSOAS DESTINATARIAS

O Concurso ten carácter individual e vai destinado a todo o alumnado galego de calquera nivel do ensino non universitario. No caso do alumnado de infantil e primeiro ciclo de primaria tamén poderá participar en grupo.

3. CATEGORÍAS
Estabelécense as seguintes categorías:
1. Educación infantil e 1º e 2º de primaria
2. Cursos 3º, 4º, 5º e 6º de primaria
3. Educación secundaria
4. Bacharelato

4. FASES

Contémplanse dúas fases:

— Fase de centros:
a) Será organizada por cada centro aténdose unicamente ás bases e condicións que cada un deles estabelecer.
b) Cada centro seleccionará un máximo de dous/dúas alumnos/as por categoría para a súa participación na segunda fase. Na categoría de infantil e primeiro ciclo poderase seleccionar un grupo (toda a clase ou parte dela), sempre que na segunda fase recitaren un único poema en acto único.

— Fase final:
a) Nesta fase participarán aqueles/as alumnos/as que foren seleccionados na primeira fase.
b) Consistirá no recitado dunha única poesía escollida libremente entre a obra en galego de Rosalía de Castro.
c) Valorarase a autenticidade e naturalidade do recitado, ton, timbre, ritmo, pausas, dicción, inflexión da voz e expresividade. Tamén se valorará a súa memorización e o seu nivel de dificultade.

4. PRAZOS

1. Os centros participantes deberán facer a súa preinscrición antes do día 22 de xaneiro de 2015. Pódeno facer por correo electrónico en fundacion@manuelmaria.com. A Fundación confirmará ao centro a recepción da solicitude.
2. En función do número de preinscritos, a Fundación comunicará aos centros o número de alumnos/as que poden participar na fase final en cada unha das categorías.
3. Os centros deberán comunicar á organización antes do 10 de febreiro o nome dos/das alumnos/as que participan en cada categoría e o poema que recitarán.

5. FASE FINAL
a) A fase final celebrarase na Casa Museo Manuel María (Outeiro de Rei - Lugo) o sábado día 21 de febreiro e incluirase dentro dun conxunto de actividades sobre Rosalía (audiovisuais, exposición...) coincidindo co aniversario da escritora.
b) O concurso consistirá no recitado dun único poema por cada participante escollido libremente entre a obra en galego de Rosalía de Castro.

6.- O XURADO
a) O xurado estará composto por tres persoas alleas aos centros participantes con experiencia nestas actividades, e actuará  como secretario/a unha persoa representante da Fundación Manuel María de Estudos Galegos.
b) O xurado emitirá o ditame o mesmo día da celebración do concurso.

7. PREMIOS

a) Os premios na primeira fase, caso de os haber, serán determinados e patrocinados por cada centro.
b) Na segunda fase concederanse catro premios individuais, un por cada categoría, consistentes nunha tablet e diploma.
c) Tamén se concede un premio, consistente nun lote de libros, para aquel centro que tiver máis participantes na fase final. No caso de empate primará o que recibir máis galardóns.
d) O xurado poderá conceder Mencións Honoríficas a aquelas persoas participantes que considerar oportuno, recibindo nese caso os/as galardoados/as un pequeno lote de libros.
e) Todos e todas as concursantes da fase final recibirán un Diploma acreditativo de teren participado no Concurso.

8. OUTROS REQUISITOS PARA PARTICIPAR NA FASE FINAL
a) Cada persoa participante deberá enviar a autorización dos pais/nais ou titores/as legais para a filmación da proba e posterior divulgación.
b) O acompañamento do alumnado participante e a súa custodia na fase final corre por cargo das súas familias ou dos seus titores/as legais.

A participación no concurso leva consigo a aceptación das bases.