Noticias

Presentación na Coruña da Correspondencia entre Manuel María e Ramón Otero Pedrayo (1951-1974)

20140808_192214.jpg

20/10/2014

Ás 20 horas no Salón de Actos da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa dos Olmos, 16-18, 1º)

Intervirán os responsábeis da edición, Xosé Manuel Sánchez Rei e Estefanía Mosquera Castro, acompañados por Xosé Ramón Freixeiro Mato, do Padroado da Fundación

O Salón de Actos da coruñesa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda acolle este martes 21 de outubro ás 20 horas a presentación da Correspondencia entre Manuel María e Ramón Otero Pedrayo (1951-1974), unha das máis recentes publicacións da Fundación. 

Os responsábeis da edición, os profesores da Universidade da Coruña Xosé Manuel Sánchez Rei e Estefanía Mosquera Castro, participarán deste acto acompañados do catedrático na Facultade de Filoloxía da universidade coruñesa Xosé Ramón Freixeiro Mato, membro do Padroado da Fundación.

Manuel María é autor dunha vizosa correspondencia persoal que intercambiou coa práctica totalidade das personalidades da cultura ou da literatura galega do seu tempo vital, e aínda coa doutros territorios. Entre 1951 e 1974 mantivo con Otero Pedrayo, un dos vultos máis destacados da cultura galega contemporánea, unha interesante relación persoal e epistolaria que dá mostra, para alén da amizade persoal, da vontade de ambos por estabeleceren lazos de comunicación que redundasen no afortalamento dun sistema cultural e literario nacional galego digno de tal nome, logo da violenta interrupción imposta en xullo de 1936.