Noticias

A Casa-Museo de Manuel María acolle unha exposición-homenaxe a Díaz Castro

20140322_172748.jpg

10/05/2014

 A Fundación Manuel María de Estudos Galegos vén de crear unha mostra que expón materiais que testemuñan a relación persoal e literaria entre o noso Poeta Nacional e o autor guitiricense ao que este ano se dedican as Letras Galegas. 

Fotografías, manuscritos, dedicatorias ou correspondencia persoal entre ambos os autores compoñen unha mostra, que xa é visitábel, no auditorio da Casa-Museo en Outeiro de Rei. 

A Fundación Manuel María de Estudos Galegos súmase ás múltiplas mostras de recoñecemento e homenaxe que están a ter lugar na Terra Chá e en toda Galiza con motivo da dedicatoria das Letras Galegas deste ano á figura de Xosé María Díaz Castro. E faino por medio dunha mostra de diferentes materiais que testemuñan a relación literaria e tamén persoal que uniu os dous autores chairegos.

Dita exposición, emprazada na Casa-Museo de Outeiro de Rei -a que foi casa natal de Manuel María -, pódese visitar no espazo do auditorio da Casa todos os sábados e domingos no horario habitual en que esta abre o público: sábados de 11 a 14 e de 16.30 a 18.30 e domingos de 11 a 14 horas. É posíbel, así mesmo, concertar visitas dirixíndose previamente á Fundación (a través do correo-e:  

fundacion@manuelmaria.com ou do teléfono 698 177 621).

O público poderase achegar a fotografías, dedicatorias, manuscritos, correspondencia epistolar e outros elementos orixinais que poñen en común no literario e tamén no persoal a Xosé María Díaz Castro e a Manuel María. Materiais todos eles que fan parte do fondo documental da Fundación Manuel María de Estudos Galegos procedentes do arquivo persoal do mesmo Manuel María. 
 
Para alén daqueles elementos documentais que polas súas características só resulta posíbel amosar visualmente, o público terá a oportunidade de consultar en man unha mostra da correspondencia epistolar privada mantida entre o poeta de Outeiro de Rei e o autor homenaxeado coas Letras Galegas deste ano, ben como distintos exemplos de composicións soltas que Xosé María Díaz Castro foi agasallando a Manuel María, exemplares dos cadernos inéditos de poesía en galego ou mesmo o proxecto dun poemario cuxo bosquexo facía parte do arquivo de Manuel María.
 
Manuel María definía a Terra Chá como unha patria poética e sempre prestou grande atención ao estudo e divulgación social dos creadores literarios da súa comarca de nacemento, tanto de xeracións vitais precedentes como da súa propia e das posteriores. O seu grao de coñecemento da obra diazcastriana, mesmo antes de ser coñecida polo gran público, e mesmo o telo feito protagonista de varios dos seus poemas, dan mostra desa fonda implicación.