Noticias

Grande éxito na celebración de "Lúas de Outono 2012".

convite_dixital.jpg

O día 13 de setembro celebrouse con grande éxito este acto no Teatro Colón da Coruña arredor da figura de Manuel María. Estreamos o audiovisual "Danza do poema emocionado" e o concerto "Andando a Terra. Uxía canta a Manuel María"

 

Con grande asistencia de público desenvolveuse, un ano máis, o espectáculo "Lúas de Outono". Neste caso tivo que ser no Teatro Colón, pois o concello da Coruña non cedeu o uso do Teatro Rosalía onde se viña celebrando desde hai tres anos.

O vídeo "Danza do poema emocionado", dunha beleza e pulcritude magníficas, achegounos á poesía de Manuel María explicitamente destinada aos nenos e nenas: "Os soños na gaiola" e  "As rúas do vento ceibe"; mais para nada resulta distante ou indiferente aos adultos. Foi un traballo aplaudidísmo polo público que, ademais, fixo chegar á nosa Fundación comentarios moi eloxiosos.

A estrea-presentación do CD "Andando a Terra. Uxía canta a Manuel María" resultou verdadeiramente espectacular. Unha Uxía espléndida, acompañada de tres magníficos músicos brasileiros, foron debullando os trece cortes que integran este CD e que fan un percorrido moi variado pola poesía de Manuel María. O acto adquiriu a máxima emoción cando Uxía baixou entre o público e interpretou a capela unha peza final que adicou a Saleta.