Noticias

"GALIZA", UNHA NOVA OBRA INÉDITA DE MANUEL MARÍA SAE Á LUZ

galiza_003.jpg

A coidada edición do libro será presentada publicamente nas cidades e vilas do País.

A Fundación Manuel María de Estudos Galegos programou diferentes presentacións da obra:

FERROL. Na Fundación Caixa Galicia (Cantón de Molíns), o martes día 30 de novembro ás 20 horas.

A CORUÑA. Na sede da RAG (Tabernas, 11), o mércores día 1 de decembro ás 20 horas

CARBALLO. No Pazo da Cultura o xoves día 2 de decembro ás 20:30 horas.

SANTIAGO. No local da A. C "O Galo" (fronte a S. Martiño Pinario) o martes día 14 de decembro.

ARTEIXO. Centro Cívico Cultural. Mércores día 29 ás 20 horas.

LUGO. No auditorio da Deputación, o día 19 de xaneiro ás 20 horas.

"Galiza" é unha síntese da historia e da xeografía da Galiza realizada por un dos escritores galegos máis destacados da segunda metade do século XX e por unha das persoas que mellor coñecía o país, tanto fisicamente, como espiritualmente, xa que tivo unha dedicación constante ao estudo e á reflexión sobre a historia, a literatura, as tradicións e a alma dunha Galiza que amaba profundamente.
Aínda que a obra é unha descripción do propio País, o seu autor acude á ficción do diálogo entre rapaces e rapazas, que neste caso tracexan desde a distancia da Galiza emigrante unha imaxe entre real e bucólica do país soñado. Por tanto o libro ten tamén unha decidida vocación didáctica, e vai dirixido tanto a un público xeral interesado en coñecer de forma concisa e amena algúns dos aspectos máis destacados do pasado e do presente do seu país, como tamén, e de modo especial, a un público xuvenil, pois novas son tamén as personaxes que o protagonizan e nova e refrescante lles vai resultar en moitos casos a visión que aquí acharen do seu propio país, dispoñendo tamén o profesorado dunha ferramenta atractiva e útil.
O libro “Galiza” reproduce un texto mecanografado polo autor que permanecía gardado no seu arquivo particular e que figura sen datación, aínda que da súa lectura se desprende que foi escrito  arredor de 1986 ou 1987. A pesar do tempo transcorrido, a obra conserva todo o seu valor e actualidade, xa que o autor se centrou fundamentalmente naqueles aspectos do país que resultan máis permanentes e, por tanto, menos suxeitos ás inevitábeis mudanzas temporais. Ao mesmo tempo, tal como o autor deixou expresado no manuscrito, incorpóranse ilustracións e gráficos que complementan a información ofrecida por el, mais con datos actuais, de modo que o libro se presenta ao público de hoxe perfectamente posto ao día no relativo á información que contén.