Noticias

ROSALÍA SEMPRE VIVA. VIVA ROSALÍA!!. Exposición itinerante sobre Rosalía de Castro

rosalia_sempre_800.jpg

Articúlase en cinco caixas de luz compostas de vinte paneis, nos que se fai unha explicación clara e sintética dos eventos biográficos e literarios fundamentais de Rosalía. Para coñecer os detalles das súas características, podedes pedir información en fundación@manuelmaria.com.

Actualmente está en itinerancia por distintos concellos de Galiza. Mais, de non teres a oportunidade de achegarte a vela, podes descargar os paneis desde esta mesma páxina web. Para os centros educativos, acompañámola dunha unidade didáctica elaborada por Diego Pardo Amado e dun audiovisual no que se condensan os valores da obra rosaliana.

Desde a Fundación Manuel María de Estudos Galegos elaboramos a exposición ROSALÍA SEMPRE VIVA. VIVA ROSALÍA!! para contribuirmos á celebración do 125 aniversario da grande escritora galega. Coidamos que é un instrumento moi valioso a disposición de concellos, asociacións culturais e centros de ensino para aproximaren a nosa grande escritora a todos os galegos e galegas.
Na pretensión dun maior aproveitamento educativo, a exposición acompáñase dunha UNIDADE DIDÁCTICA elaborada por Diego Pardo Amado, que realizou así mesmo o comisariado da exposición. Por outra parte, elaboramos un audiovisual de sete minutos de duración no que se complementa a información cunha presentación diferente.

A exposición xa percorreu os concellos de Arteixo, Boiro, Fisterra, Melide, Padrón, Carballo, As Pontes, Ferrol e A Coruña, Boiro, Santa Comba, Ribeira, Fene, Oleiros, Noia.