Noticias

2º Convívio da Cultura Galega. Outeiro de Rei

tarxeta_baixa.jpg

11 de xullo 2015

O 11 de xullo celebraremos a 2ª edición desta romaría-foliada arredor de actuacións musicais, homenaxe a Manuel María, xantar compartido, posibilidade de visitar a Casa-Museo Manuel María.... Todo nunha paraxe única como é carballeira de Santa Isabel, á beira do río Miño na súa confluencia co Ladra.

Por segundo ano consecutivo, pomos en marcha, coa colaboración da Federación Galiza Cultura e da Asociación Cultural e Musical Solfa de Compostela, o Convivio da Cultura Galega: será o sábado 11 de xullo, desde as 11:15 horas, durante todo o día, na carballeira de Santa Isabel en Outeiro de Rei. 

O Convivio quere ser, sobre todo, unha xornada lúdica e festiva, de convivencia, de recuperación do espírito comunitario da tradicional romaría da Santa Isabel de Outeiro de Rei, de foliadas e merendiñas. Todo isto arredor da figura de Manuel María, que dedicou por enteiro a súa vida á construción dunha cultura propiamente galega e cultural, dun país normal e normalizado, e que tanto colaborou co nacemento de tantas asociacións e proxectos culturais. 

Animámosvos a que nos acompañedes nesta xornada festiva en Outeiro: haberá actuacións musicais, homenaxe ao Manuel na súa campa, xantar compartido, posibilidade de visitar a Casa-Museo Manuel María (para quen o desexar ou aínda non a coñecer) e, deseguro, algunhas sorpresas máis. O Convivio prolongarase durante toda a xornada, comezando coa recepción dos asistentes diante da Casa Museo ás 11:15 horas, para logo baixar á carballeira de Santa Isabel. O único requisito é que traiades o voso xantar...e moitas ganas de festa, por suposto. 

Mais o Convívio busca tamén crear un espazo de encontro do asociacionismo cultural galego de base, un xuntoiro onde podermos dialogar entre nós e sacar algunha iniciativa conxunta.

Desta volta, e para facilitarmos canto posíbel o desprazamento a Outeiro de Rei, vanse pór autobuses desde diferentes comarcas do país: polo de agora, están confirmados xa desde A Coruña, desde Ferrol e desde Compostela. Se desexardes facer uso deles, podédesvos anotar xa: 

A Coruña: teléfono 698 177 621 ou correo-e fundacion@manuelmaria.com (Fran)

Ferrol: teléfono 646 571 168 ou correo-e vaiporelas@gmail.com (Luísa)

Compostela: teléfono 676 675 030 (Lucía)