Actividades

Xurxo Souto celebra vinte anos de literatura, este sábado, na Casa-Museo Manuel María

Xurxo Souto celebra vinte anos de literatura, este sábado, na Casa-Museo Manuel María

Estará acompañado por Richi Casás, director do Pardiñazo (XL aniversario do festival de Pardiñas) co que fará algunha cantarea cos sons do saxofone e do acordeón

O músico e escritor Xurxo Souto está a celebrar  XX anos na literatura visitando algúns dos lugares con máis aquel que coñeceu grazas aos libros. Este sábado, día 30 de abril, ás 20 horas, estará na casa natal do seu amigo e “mestre” Manuel María, hoxe Casa-Museo Manuel María, após recalar en Lisboa, Lugo, Pontevedra, O Barqueiro, A Coruña, Compostela...
Xurxo compartirá coa forza poderosa da súa palabra historias d’O Retorno dos Homes Mariños, Pangalaica e A Gran Travesía de Chiruca Macallás, así como a crónica do Amaro navegante, romaría das galegas e galegos en Lisboa que vén de celebrarse cento e once anos despois. Celebración humilde das persoas e lugares marabillosos que foron aparecendo na súa vida a través da música e os libros. No acto deste sábado acompañarao Richi Casás, director do Pardiñazo (XL aniversario do festival de Pardiñas), co que fará algunha cantarea cos sons do saxofone e do acordeón. 
Entrada libre para asistir a esta actividade, mais é necesario facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.