Actividades

"Un señor elegante", de Suso de Toro e "Golpes de luz", de Ledicia Costas protagonizaron as últimas sesións do Clube de Lectura

Reseña das últimas sesións

No que vai de ano, este Club de Lectura realizou o comentario de dúas lecturas. Da primeira delas, Un señor elegante, de Suso de Toro, falamos o 12 de febreiro, e á outra, Golpes de luz, de Ledicia Costas, tocoulle a súa quenda este sábado 26 de marzo.
No que re refire á historia da saga Baltar, na que o autor xorde como unha personaxe máis, houbo diverxencia na valoración dentro do grupo. Non hai dúbida de que é unha obra magna, tanto por recuperar para a memoria colectiva a traxectoria de varias xeracións desta destacada familia galega, como pola inxente información que aporta de episodios significativos da historia da Galicia contemporánea. Porén, a estrutura elíptica, con constantes idas e vidas no tempo, e a narración reiterada dalgunhas partes da trama, confírelle unha densidade que dificultou o avance da maioría de nós; malia a brevidade dos capítulos, a calidade do relato e a ton lixeiro -mesmo humorístico- de moitas das secuencias, varias lectoras abandonaron antes de chegar ao remate. Mesmo así, ao non ter un desenlace estrito, calaron os aspectos máis representativos da novela. Os temas estrela do debate foron as 'intromisións' da voz narradora, o mérito do compromiso cos ideais galeguistas e coa mellora da sociedade nun contexto adverso (aínda sendo persoas privilexiadas), e a limitada presenza de figuras femininas destacadas, da que xa advirte o escritor.
Atopamos moi acaídos para o caso dous poemas que cheiran a mar, na memoria dos tempos felices dos Baltar en Tanxil: 'Amencer' de María Álvarez Landesa e 'Eu, sen embargo, son libre', de Rosalía Fernández Rial, cuxos primeiros versos son da súa homónima de Padrón.
Na última xuntanza viramos cara á comedia con Golpes de luz, sen deixar o relato interxeracional e familiar. Desta volta houbo unanimidade na valoración positiva, pois non é nada doado atopar tramas argumentais de calidade que termen do sorriso de principio a fin. Encantounos esta historia narrada dende unha triple perspectiva: a da fera avoa semidependente, a da filla-nai sobrevivindo a unha ruptura matrimonial máis ao regreso á casa materna, e a do fillo-neto, que se afai como pode aos cambios radicais que mudaron a súa vida. A trama constrúese, aínda por riba, co pano de fondo do narcotráfico para as dúas xeracións femininas da familia -en desencontro permanente- e o acoso escolar pairando arredor do rapaz. Coindimos tamén en sinalar que o gran logr o desta novela é o xeito en que a autora consegue meternos na pel da anciá ás lectoras, cando por idade e experiencias vitais estariamos máis perto da filla coidadora. Todo un acerto ao que hai que engadir a afouteza das mulleres protagonistas e moitas outras que se enfrontan á traxedia nas súas páxinas. E imos calar xa, para non desvelar a intriga latente que se resolve ao final, e pecha a fenda aberta entre nai e filla.
O convite desta xornada, unha 'bravas' do Brétema, foi unha verdadeira homenaxe a Animaliña e aos seus decendentes, que non desmerecen a súa teimosía. A poesía veu de man de Mª Xosé Queizán con 'Parias' e de Luz Pozo Garza con 'Deter o día cunha flor'.
O seguinte libro que imos ler é A raíña das velutinas, de Lionel Rexes. Falaremos del o 30 de abril, se non hai novidades. Apertas lectoras!