Actividades

Reseña do último encontro do Clube de Lectura Xuvenil "A Tribo"

Reseña do último encontro do Clube de Lectura Xuvenil

19/01/2022

O libro comentado foi "As horas roubadas" de María Solar

O Clube de Lectura Xuvenil iniciou o ano dunha marabillosa maneira: por unha banda a de comentar a novela de María Solar, "As horas roubadas" e pola outra a de poñerlle un nome ó noso Clube! Tras as interesantes propostas que achegaron as nosas integrantes finalmente decantámonos por "A Tribo" tendo así un vínculo directo tanto co noso escritor Manuel María como coa fermosa terra de Outeiro de Rei.
O libro de Solar permitiunos comentar temas de diversa índole e centrarnos tamén na parte histórica: o contexto deste libro ubícanos nos anos da Transición española trala ditadura de Franco e no réxime ditarorial arxentino a mans de Videla, algo que nos abriu as portas a facer unha comparativa entre o sistema político actual e o anterior á chegada da democracia, vendo como se conseguiron un maior número de liberdades e dereitos coma foi o do divorcio. Neste aspecto é a propia Solar a que fai fincapé no tema, algo que nos pareceu moi interesante xa que ademais a escritora pon os exemplos dun matrimonio aberto onde reinaba o respecto mútuo e outro onde o home maltrataba tanto á súa muller coma os fillos (algo que aínda acontece en moitas familias a día de hoxe). Desta maneira puidemos falar do amor, ese que ten o poder de mover o mundo. Neste caso centrámonos no amor en parella: os primeiros amores, os amores xa consolidados, o amor entre persoas maiores, así coma entre persoas de mesmo sexo, a monogamia e tamén a poligamia. 
Tamén analizamos a diferenza entre clases sociais durante eses anos e especialmente o nivel cultural das persoas, así coma a importancia da educación nas crianzas e na sociedade en xeral onde se fomente a igualdade e o respecto cara xs demais. 
Con María Solar redescubrimos a nosa historia podendo analizala dende a óptica do século XXI e vendo así non só os cambios que se produciron a nivel social, político e económico senón tamén a importancia que teñen os mesmos a día de hoxe, xa que foron avances fundamentais para poder chegar a conseguir certas liberdades como sociedade, as cales está nas nosas mans coidalas e valoralas para non perdelas. 
Clube de Lectura A Tribo