Actividades

Preséntase na Casa-Museo Manuel María a "Correspondencia entre Manuel María e Neira Vilas 1957-1997)"

Preséntase na Casa-Museo Manuel María a

Os profesores da UdC, e editores do libro, Xosé Ramón Freixeiro Mato e Manuel Ferreiro estarán presentes este sábado

Este sábado, día 20, ás 18 hrs, estarán na Casa-Museo Manuel María dous grandes estudosos do noso idioma e da nosa literatura, como son os catedráticos da UdC, Xosé Ramón Freixeiro Mato e Manuel Ferreiro, para nos presentar a edición preparada por ambos os dous da Correspondencia entre Manuel María e Neira Vilas (1957-1997).
 
Manuel María (1929-2004) e Neira Vilas (1928-2015) son dous autores fundamentais da literatura galega da segunda metade do século XX. Ambos pertencen, por idade, á mesma xeración, mais en canto o primeiro desenvolve a súa actividade literaria desde o interior da nación en tempos de ditadura e nas primeiras décadas do período posfranquista, o segundo faino fundamentalmente desde a Galiza emigrante, seguindo o pulso cultural do seu país a quilómetros de distancia. Aínda así, mantiveron unha intensa relación por correspondencia, nomeadamente na década de 60 e nos primeiros anos da seguinte, que se foi transformando nunha amizade epistolar sustentada no compromiso mutuo coa lingua e a cultura galegas e coas clases populares.