Actividades

"O solpor da cupletista", de Mª Xosé Queizán, centrou a última sesión do Clube de Lectura

22/06/2019

A actividade retómase para mediados de setembro

Xa en vésperas do San Xoán comentamos O solpor da cupletista, de Mª Xosé Queizán, unha obra que conta con dúas partes ben diferenciadas: un breve relato que recrea as últimas horas da protagonista, a Bela Otero, e unha reseña histórico-biográfica de Carolina Otero, baixo o título de "A liberdade arrogante". Como explica a propia autora na segunda parte no conxunto, a ficción narrativa foi construída a partir dunha investigación biográfica considerable, fuxindo da mesta néboa de suposicións que rodea a esta muller, verdadeiro mito contemporáneo.

O resultado é un achegamento memorable á persoa, non tanto á lenda ou ao personaxe engaiolador que foi: a escea que se presenta é a cotidianeidade dunha muller anciá que antepón os recordos -bos e malos- á escaseza material e afectiva na que se atopa.

Houbo coincidencia en canto ao maxistral tratamento da protagonista e á calidade da expresión, esa prosa coidada e fluída que enlea a quen le do mesmo xeito que facía a Bella Otero co público. En canto á trama valorouse o xeito de reflectir a exclusión social a finais do s. XIX; a referencia a mulleres coetáneas dela destacadas en distintos ámbitosa (Colette, por exemplo); a contraposición da decadencia física da artista e a súa precariedade económica nos últimos tempos cos momentos de esplendor vividos; a representación da clarividencia da nena primeiro, e da muller despois, con respecto á elección da mellor opción para ela en cada momento; tamén a maneira na que se amosa a súa capacidade para xestionar o seu único recurso (o seu corpo, obxecto de desexo para os homes e fonte de ingresos para ela) e a súa forza para enfrontarse a un mundo hostil sen apoio emocional.

Non houbo quórum, porén, no referente á sensación derivada desta lectura. Se ben é certo que se narran feitos brutais da infancia miserable en Valga, a protagonista mantén unha reserva constante nas súas relacións persoais, e mesmo remata os seus días na soidade e no esquecemento, a maioría considerábamos a súa decisión final como unha manifestación máis da súa coherencia vital (liberdade absoluta para decidir sobre si mesma), e polo tanto, algo positivo e ata curioso sendo como fora ela a "serea dos suicidas".

Outra interpretación incidía moito máis no aspecto da violencia exercida cara ás máis febles, que logo ademais son rexeitadas polos seus e pola sociedade como se tiveran feito algo, tristemente de actualidade. Tamén atendía ao desapego sentimental da protagonista, entendendo que só podía facerse unha lectura triste, derivada da súa infelicidade (por non ser quen de amar de verdade).

Sen dúbida, pódese dicir que a brevidade desta obra é inversamente proporcional á calidade da escrita e á intensidade do texto: María Xosé Queizán consegue, en moi poucas páxinas, darlle profundidade e forza emocional a unha figura feminina desdebuxada da historia contemporánea ao tempo que rescata a súa memoria.

O debate desta obra foi precedido da lectura de dous poemas de Pilar Pallarés e un de Xulio Valcárcel, moi ao caso por abordaren a temática do paso do tempo e a memoria do pasado.

Quedamos de retomar a actividade despois de mediados de setembro, e desta volta, verán polo medio, animámonos con dúas lecturas: O último barco, de Domingo Villar e Fontán, de Marcos Calveiro. A maiores fixémonos recomendacións múltiples entre nós... para un verán de libros!