Actividades

Reseña do clube de lectura Saleta no último ano

Reseña do clube de lectura Saleta no último ano

Encontros, sesións, visitas..., son algunhas das actividades que levou a cabo o clube de lectura das persoas adultas da Casa-Museo

O último ano foi probe en reseñas pero de moita fartura de actividades. Aquí vai esta breve memoria para deixar rexistro da nosa andaina nestes meses.
A finais de abril de 2023 houbo unha xornada de convivencia deste clube de lectura e o da asociación cultural Tempo Novo, de Elviña. As de Outeiro acudimos á súa sede, convidáronnos a xantar, a coñecer a contorna cun roteiro, e a asistir ao concerto que Luar na Lubre deu no castro de Elviña. Esta xornada compartida foi un verdadeiro luxo, en todos os sentidos. 
Devolvéronnos a visita o 22 de outubro. Para correspondermos á súa espectacular acollida, Antón Laxe preparou un percorrido guiado á Casa Museo, en clave coruñesa. Logo fomos a Santa Isabel, que nos recibiu calada e chea de misterios, xantamos moi á chairega, demorándonos na conversa, e volvemos á Casa de Hortas para a actividade final, mistura de presentación e lectura compartida. Tamén foi un día memorable. 
Así ficaron tecidos os vimbios para ler un par de referencias literarias en común: Confusión e morte de María Balteira de Marica Campo e As voces baixas de Manolo Rivas.
En xuño de 2023, recibimos a visita doutro clube de lectura, o da librería Bahía de Foz, que pasou o día achegándose ao espazo de referencia de Manuel María. Neste caso a xuntanza xurdiu a proposta de Cielo, filla de Suso Fernández, o gran amigo do poeta chairego na Mariña. Na biblioteca da Casa Museo falamos de libros e intercambiamos recomendacións. Está pendente que as lectoras de Outeiro fagamos a viaxe á inversa.
No que se refire á actividade habitual de comentario de obras lidas, tamén en xuño, abordamos  Residente privilexiada, de María Casares; un libro denso, para algunhas demasiado, co que a actriz coruñesa deixa testemuño da súa traxectoria vital e profesional.
Para o verán acordamos ler a antoloxía de relatos Fisterra e tamén Farenheit 451, que era unha proposta da sección xuvenil deste clube de lectura, "A tribo". O plan era facer unha saída conxunta a Baldaio en setembro e aproveitar para falar desa obra, pero houbo que suspendela por mor da climatoloxía na data que estaba fixada. A visita guiada pola contorna de referencia de María Rei en Flores de ferro, novela lida tamén nas dúas seccións de lectoras, quedou adiada para a primavera. Case cadrando co primeiro cabodano de Saleta Goi, as adultas fixemos pública a decisión de homenaxeala escollendo o seu nome para acubillar a nosa actividade. 
 
O 21 de outubro, con algo de atraso sobre o previsto, reunímonos para comentar as propostas de verán. Gustaron. A maioría recuncaremos nos relatos de Fisterra. O reencontro tivo sabor salgado, como non podía ser doutro xeito, cunhas galletas mariñeiras. E os versos foron de Carmen Villar, do seu Mil e un días. 
Na liña de tirar proveito conxunto, adultas e xuvenís, de actividades culturais da Casa Museo, o 2 de decembro houbo un encontro con Berlai, que veu presentar Estampas galegas. A rapazada, da man de Sara Coello, animouse coa lectura do seu libro-disco, e o resto das lectoras, que tiñamos moi bo sabor de boca de Desconhecido, obra comentada no 2019, sumámonos a esa conversa co autor (e ao concerto posterior). Foi un éxito outra vez.
O 16 de decembro comentamos Estranxeiras, de Carmen P. G. Granxeiro, que deu para falar moito sobre a vida real nas aldeas fronte á tendencia á idealización "do rural", fenómeno que as participantes, residentes na contorna a maioría, viven en primeira persoa. A valoración xeral foi positiva, é unha lectura agradecida que se achega a moitos temas de actualidade sen dramatismo, pois os conflictos aparecen bastante suavizados.
A seguinte reunión de comentario foi en xaneiro do 2024, e nese caso tocoulle a vez a O azul entre o ceo e a auga, de Susan Abulhawa. A escolla foi un compromiso coa realidade palestina, ante os brutais ataques israelís, e resultou todo un acerto: encantounos o relato da estirpe Baraka, en feminino, entretecendo o cotián e o transcendente nun territorio ocupado onde o único refuxio da esperanza é a memoria e o apoio mutuo ante a desgraza. Dóenos ter que engadir a iso a barbarie. Nesa ocasión, a poesía, ademais de atopala en moitas páxinas da obra, cun ton lírico e épico a un tempo, estivo presente no concerto posterior de Crúas, ao que asistimos moitas de nós.
E de espectadoras pasamos a recitadoras: en febreiro, para conmemorar o Día de Rosalía, puxémoslle voz a algúns dos seus poemas, nun acto organizado pola Fundación Manuel María.
Pecados veniais, de Nazaret López foi a nosa última aposta, coa que case cadramos o día da muller: moi a xeito en canto ás protagonistas destes relatos que van interrelacionándose uns cos outros, aos poucos, para ao fin encaixar todas as pezas nun mosaico. Aínda que a situación emocional atormentada das personaxes zumega certa acedume e o pírrico dalgunha vinganza desaqueloutrounos bastante, triunfou a orixinalidade das tramas, o desenvolvemento impredecible da maioría delas, con xiros inesperados e resolucións "in extremis". A diversidade temática dos motivos centrais das historias tamén foi un punto a favor. 
As Comadres das Letras co seu Contármonos acompañarannos o 20 de abril, no seguinte encontro.
 
Galería de fotos

Día de convivencia co Clube de Lectura de Tempo Novo de Elviña

Día de convivencia co Clube de Lectura de Tempo Novo de Elviña

 (2023)

Encontro do Clube de Lectura Saleta co Clube de Lectura de Tempo Novo na Casa-Museo Manuel María.

Sesión do Clube de Lectura Saleta, após o verán, sobre o libro de relatos Fisterra.

Sesión do Clube de Lectura Saleta, após o verán, sobre o libro de relatos Fisterra.

 (2023)

Foto con Berlai logo do seu concerto e de anteriormente partillar unha sesión sobre o seu libro-disco Estampas Galegas.

Foto con Berlai logo do seu concerto e de anteriormente partillar unha sesión sobre o seu libro-disco Estampas Galegas.

 (2023)

Sesión do Clube de Lectura comentando o libro Estranxeiras, de Carmen P. G. Granxeiro.

Sesión do Clube de Lectura comentando o libro Estranxeiras, de Carmen P. G. Granxeiro.

 (2023)

Foto do Clube de Lectura Saleta falando sobre O azul entre o ceo e a auga, de Susan Abulhawa.

Foto do Clube de Lectura Saleta falando sobre O azul entre o ceo e a auga, de Susan Abulhawa.

 (2024)

Imaxes da nosa participación na actividade que a Casa-Museo Manuel María fixo para conmemorar o Día de Rosalía.

Capas correspondente ao último libro que vimos de comentar, Pecados Veniais, de Nazaret López, e do libro que protagonizará a nosa próxima sesión, Contármonos, das Comadres das Letras.

Capas correspondente ao último libro que vimos de comentar, Pecados Veniais, de Nazaret López, e do libro que protagonizará a nosa próxima sesión, Contármonos, das Comadres das Letras.

 (2024)

Visita do Clube de Lectura da Libraría Bahía de Foz.

Visita do Clube de Lectura da Libraría Bahía de Foz.